Competencia expedienta a 25 empresas de consultoría, entre elas á galega Altia

Redacción LA VOZ

ECONOMÍA

ANGEL MANSO

O presidente da compaña, Tino Fernández, confésase tranquilo, pero sorprendido

14 feb 2019 . Actualizado ás 20:32 h.

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) incoou un expediente sancionador contra 25 empresas de servizos de consultoría e varios directivos das mesmas ao observar «indicios racionais» de posibles prácticas anticompetitivas.

O regulador explica que as infraccións cometidas por estas compañas consistirían en acordos ou prácticas concertadas para a repartición do mercado de servizos de consultoría en diversas licitacións principalmente públicas. Detalla que as empresas terían presentado ofertas ficticias para concorrer de forma concertada a licitacións entre os anos 2009 e 2018.

Entre as consultoras investigadas atópase a galega Altia, dirixida polo tamén presidente do Deportivo, Constantino Fernández, quen se mostrou «totalmente» tranquilo, aínda que tamén sorprendido: «Creo que estamos de rebote», sinalou. Tino Fernández avanzou que presentarán alegacións ao expediente. Destacou que traballan nun sector «moi competitivo» con prezos «brutais» en todos os concursos.