Barcos contra o cambio climático

Redacción

ECONOMÍA

cedida

A flota de buques propulsados por gas natural licuado, menos contaminante que os derivados do petróleo, crece a un ritmo anual de entre un 15 e un 25 %

12 feb 2019 . Actualizado ás 15:12 h.

Da loita contra o cambio climático non se libra ningún sector. Tampouco o de transporte marítimo. Así, os barcos terán que reducir tamén as súas emisións contaminantes e a partir do 2020 non poderán xerar máis do 0,5 % de xofre , segundo a normativa da Organización Marítima Internacional (IMO). Por iso, moitas compañas xa se están pondo as pilas e encargando buques novos propulsados por gas natural licuado (GNL). Entre as súas principais vantaxes destacan unha importante redución de emisións contaminantes para xerar a mesma cantidade de enerxía (25% menos de dióxido de carbono, 80 % menos de óxido de nitróxeno e practicamente ningunha cantidade de dióxido de xofre ou partículas en suspensión).

Ademais, o uso do GNL como combustible marítimo consegue reducir a contaminación acústica nun 50 %. Así o destaca Joaquín Mendiluce, director de Promoción de Novos Negocios de Naturgy e presidente da Asociación Ibérica de Gas Natural e renovable para a Mobilidade (Gasnam).

A antiga Gas Natural Fenosa está a apostar polo GNL no sector marítimo, «xa que se trata dun combustible abundante, economicamente competitivo e con menor impacto ambiental que os derivados do petróleo», explica a compaña.

Mendiluce explica que Naturgy deseña solucións loxísticas en cada porto no que operan os seus clientes para fornecerlles GNL, como camións cisterna (Truck to Ship), sistemas multi-cisterna (Multitruck to Ship) para acelerar o proceso de carga, almacenamentos en tanques (Terminal to Ship) ou barcos de bunkering para a subministración de gas natural licuado (Ship to Ship). 

O 10 % do petróleo mundial

Na actualidade, máis de 55.600 buques mercantes transportan entre o 80 e o 90 % das mercancías de todo o mundo, consumindo ao redor do 10 % do petróleo mundial.

O transporte marítimo supón o 2,11 % das emisións totais de dióxido de carbono en todo o mundo, ademais do 15 % das emisións mundiais de óxidos de nitróxeno e representa máis do 8% das emisións de óxido de xofre.

Un ferri consome 28 millóns de quilos de combustible ao ano, como 370 camións, 1.000 autobuses e 25.500 coches. E os 15 maiores buques contaminan nun ano como uns 800 millóns de vehículos terrestres.

Ademais, polo mundo navegan 136 buques propulsados por gas natural licuado. A flota mundial con GNL aumenta a un ritmo de entre un 15 e un 25 % anual, polo que, se a tendencia segue a mesma liña, no 2050 podería existir unha flota mundial de entre 300 e 600 buques.