Javier Sirvent: «O meu traballo é dicirlles ás empresas cando van morrer»

G. Lemos REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

EDUARDO PEREZ

O evanxelista tecnolóxico critica que o exceso de regulación na UE frea a innovación e propón prohibir aos funcionarios comprar en Amazon

18 oct 2019 . Actualizado ás 12:35 h.

«Susto ou morte: fagas o que fagas, xa che pillou». Javier Sirvent, que se define como evanxelista tecnolóxico, está convencido de que ningún sector económico se librará dos efectos da transformación dixital, que impón cambios no modelo de negocio. Ante esa certeza, aclara que o seu traballo «consiste en dicirlles ás empresas de que e cando van morrer». Sirvent foi este martes uno dos relatores do Dixital Business Summit, un evento sobre economía dixital organizado na Coruña por Ieside e Esic, e nel defendeu a urxencia de acometer os cambios.

-Unha desas transformacións que está agora en primeiro plano é a da automoción. Pero a industria resístese a planificar un cambio a 22 anos vista...

-O problema é que nin sequera o modelo de negocio do transporte é sostible. No futuro, os fabricantes non farán coches para vendelos, senón para un servizo de transporte. O exemplo témolo nos millennials, que che din que nin tolos cómpranse coche, porque logo van en Blablacar e así coñecen xente.

-É unha forma de velo, pero hai mozos que din que se non se compran un coche é porque non llo poden permitir...

-Pero o modelo de negocio non será o mesmo. Estaban a venderse uns coches súper caros, que agora pola presión do mercado xa non o son tanto, pero o seguinte é que, como a xente non vai compralos, farase outra cousa, como o famoso car sharing. Non sería mellor dar facilidades para facer un cambio graduado? Porque a industria española non está preparada. Diso aprovéitanse, de que estamos a lexislar a favor dos de fóra. Por que non hai un Google, un Amazon ou un Apple en Europa? Será porque non lexislamos ben.

-Só hai un freo regulatorio?

-É o principal, aínda que tamén son importantes a educación e as reticencias internas que hai en moitas empresas aos cambios. Pero se a alternativa é o desastre... Hai sectores que si están cambiando o seu modelo, como os bancos, que pecharon máis de 36.000 oficinas en dez anos. Porque o seu negocio xa non será prestarche diñeiro, porque está moi barato, senón venderche un coche, unha tele ou un teléfono. Hoxe o maior comprador de Samsung en España non é ningunha cadea de electrónica, é CaixaBank. E logo hai outros que non deberían dedicarse a vender, porque hai quen o fai máis barato e non paga impostos. Temos un gran problema por exemplo con Amazon, que a pesar da admiración que causa aos políticos, que van facerse a foto cada vez que abre un centro loxístico, non paga impostos, apenas cotiza un 6 %. Nin o máis humilde autónomo paga só un 6 %. Por que non facemos algo?

-E que se podería facer?

-Por exemplo, se ti es funcionario, prohíboche comprar en Amazon.

-Sen chegar a ese extremo, que armas ten o pequeno comercio para competir?

-Dar unha boa experiencia de compra: a xente está disposta a pagar máis se a atendes ben, tes un bo trato e estás especializado. O modelo de Amazon é evitar calquera conflito co cliente e ser o máis transparente posible, e iso ao consumidor válelle, porque se chega a un sitio e dá con alguén que non ten nin idea do que vende , pois para iso prefire comprar en Internet.

-Hai estudos que din que a transformación dixital pode eliminar a metade dos empregos actuais en España: é un cálculo realista ou está esaxerado?

-Isto tamén é unha obsesión. Pensamos que todo pasa pola transformación dixital, pero hoxe se es fontaneiro, electricista ou pintor tes traballo seguro. Todas estas profesións que dificilmente serán reemplazables por máquinas van existir toda a vida e vanse a reinventar. E logo van nacer outras. Ti sabes que en Madrid hai xente que gaña 200 euros ao día só por recargar patinetes?

-Crese que as novas xeracións, por ser nativas dixitais, xa están preparadas para os cambios...

-Están preparados para xestionar a incerteza, a súa cabeza pensa doutro modo. É unha das claves do futuro, a capacidade de crear, de innovar, pero sobre todo de ser flexible. Por iso non se buscan cargas como pisos ou como coches, porque con esas cargas non xestionas a incerteza.

-Falamos dun modelo de precariedade perpetua.

-De precariedade ou de supervivencia, chámao como sexa. Hai xente nova gañando moito diñeiro. O que cambiou é que xa non hai traballo para toda a vida.