Ence prepárase para usar a celulosa en novos produtos hixiénicos, como cueiros

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

ECONOMÍA

emilio moldes

O novo plan de investimentos contempla unha inxección de ata 110 millóns para Pontevedra

04 dic 2018 . Actualizado ás 17:29 h.

Ence quere diversificar a súa actividade e aproveitar algunhas das posibilidades comerciais da madeira que pasa polos seus complexos industriais. Por exemplo, no seu plan estratéxico 2019-2023, remitido este martes á Comisión Nacional del Mercado de Valores, prevese un investimento de 200 millóns de euros para a produción de viscosa para téxtiles. O prazo fixado inicialmente para este investimento está no horizonte 2019-2020 e o grupo pasteiro púxose como reto a produción de cen mil toneladas deste material, que se emprega na industria téxtil, fabricado a partir da celulosa.

O outro novo ámbito de exploración comercial será a adaptación da súa liña de traballo para produtos hixiénicos absorbentes. É dicir, o aproveitamento da celulosa tamén para cueiros e outros obxectos de uso cotián cunha elevada demanda. Neste ámbito, o investimento está previsto que se execute ao longo do 2020 e elevarase aos 30 millóns de euros. A produción inicialmente deseñada por Ence suporá 80.000 toneladas.

Dous son as razóns que impulsan a Ence a explorar estes novos campos de negocio. Por unha banda, está o «crecemento da poboación urbana» e, por outra, «o aumento do nivel de vida nos países emerxentes».

Localización por decidir

O conselleiro delegado do grupo, Ignacio Colmenares, comunicou estes plans co gallo da celebración do día do investidor e expuxo nesta cita as liñas xerais do plan estratéxico da pasteira. No marco deste documento, Colmenares afirmou: «Aproveitaremos ao máximo as importantes oportunidades de mercado da celulosa e da enerxía e lograremos practicamente dobrar o noso ebitda no 2023, sempre respectando os límites máximos de endebedamento que temos marcados e mantendo o pay-out [beneficio destinado a dividendo] do 50 %».

Onde se farán estes investimentos? O plan estratéxico non o especifica. Só engade que cada decisión de investimento, como as citadas no mundo dos hixiénicos absorbentes e a viscosa para téxtil, «será confirmada polo consello» e se cúmprense as condicións de débeda neta e de pagamento de dividendos trazados.

Mellora ambiental en Lourizán

Aínda que no plan estratéxico non se aclara máis sobre onde se farán estas actuacións innovadoras, no documento si que se menciona de forma específica a Pontevedra e a Navia . A factoría de Lourizán será o obxecto do primeiro investimento importante do documento presentado por Colmenares en Madrid. Trátase dunha inxección de 30 millóns de euros para a expansión da produción de celulosa en Pontevedra en vinte mil toneladas máis ao ano.

No período de vixencia desta planificación, Ence tamén quere «fortalecer a fiabilidade, flexibilidade, excelencia ambiental e seguridade» no complexo fabril de Pontevedra. Neste capítulo fíxanse actuacións que van desde os 60 aos 110 millóns de euros.