A Comisión Europea advirte de que o Orzamento español incumpre a senda de redución do déficit

La Voz REDACCIÓN

ECONOMÍA

Nadia Calviño, ministra de Economía
Nadia Calviño, ministra de Economía Marta Fernández Jara | Europa Press

Bruxelas afirma que as contas presentadas polo Goberno de Pedro Sanchez desvíanse «significativamente» do axuste esixido e non cumpren coas normas de redución de débeda

21 novs 2018 . Actualizado ás 13:07 h.

A Comisión Europea volveu a advertir ao Goberno de España de que o plan orzamentario para 2019 corre o risco de incumprir coas regras fiscais europeas porque inclúe unha desviación «significativa» da senda de redución do déficit das administracións e da débeda pública.

«Considérase que o plan orzamentario presentado por España corre o risco de incumprir as esixencias do Pacto de Estabilidade e Crecemento para 2019», informou o Executivo comunitario nun comunicado, segundo recolle Europa Press.

Bruxelas publicou finalmente a súa opinión sobre o proxecto elaborado polo Goberno de Pedro Sánchez e basea a súa conclusión nas previsións económicas que publicou a principios de mes e que «indican unha desviación significativa da senda de axuste esixida cara ao obxectivo orzamentario a medio prazo e o incumprimento do valor de referencia transitorio para a redución da débeda en 2019».

A Comisión engadiu nun comunicado, segundo informa Efe, que está previsto que o déficit español baixe da barreira do 3 % do PIB considerado excesivo o ano próximo, polo que o país sairá do brazo correctivo do proceso por déficit excesivo e pasará a estar no lado preventivo deste procedemento de vixilancia comunitaria. 

En concreto, a Comisión Europea remarca que o déficit público pechará 2019 no 2,1% e critica que o borrador orzamentario, segundo os seus cálculos, non inclúe ningún esforzo estrutural, informa Europa Press. A senda pactada coas institucións europeas esixe uns axustes estruturais equivalentes ao 0,65% do PIB, uns 7.800 millóns de euros.

O Goberno defende que as súas contas inclúen un esforzo estrutural do 0,4%, pero os servizos comunitarios redúceno a cero porque considera que o Estado ingresará menos do que prevén as autoridades españolas.

«A Comisión Europea tamén pensa que España fixo avances limitados con respecto á parte estrutural das recomendacións fiscais (...) e xa que logo invita as autoridades (españolas) acelerar os progresos», resume o texto aprobado este mércores polo Executivo comunitario sobre o plan orzamentario para 2019, segundo recolle Europa Press.