Abanca crea Alavuelta, unha ferramenta dixital para o comercio e os clientes

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

SANDRA ALONSO

21 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O pequeno comercio dispón xa dunha nova ferramenta dixital creada e deseñada por Abanca «que lles permitirá coñecer mellor aos seus clientes a través das súas compras, atender as súas necesidades e atraer a novos consumidores», ademais de contar con información estatística en materia de vendas, clientes e do propio negocio, segundo explicaban onte directivos da entidade.

A nova plataforma comercial, creada e deseñada pola propia entidade financeira, ponse en marcha como experiencia piloto nun determinado número de establecementos e en poucas semanas Abanca comezarao a ofrecer e comercializar ao conxunto das empresas galegas, segundo explicaron onte en Santiago os directivos de Mercadotecnia e Innovación, Jorge Mahía e Eduardo Aldao, respectivamente.

A ferramenta denomínase Alavuelta e consta de tres módulos que apoiarán ao comercio durante todo o proceso de xeración de negocio. Trátase dun servizo de big data dixital, vendas en liña e mercadotecnia para empresas, aseguran os seus creadores.

Os tres módulos en que se divide este soporte constan de diferentes funcionalidades que o comercio pode contratar segundo as súas preferencias e os servizos que queira habilitar.

Por unha banda, Alavuelta proporcionará información estatística de clientes, de vendas e do propio negocio, ademais de datos da evolución das súas transaccións respecto da competencia, facturación e grupos de usuarios do establecemento. O comercio poderá contactar cos seus clientes habituais e establecer unha relación de confianza con eles ofrecendo programas de fidelización, cartóns regalo... A relación tenda-cliente será recíproca, porque os consumidores poderán tamén descargar a aplicación no móbil coas súas tendas favoritas ou personalizar ofertas.