Bruxelas rebaixa as súas previsións de crecemento para España neste ano e o próximo

A Comisión Europea ve «incerteza» sobre algunhas das novas medidas tributarias e o impacto do salario mínimo do borrador dos Orzamentos

Nadia Calviño, ministra de Economiá
Nadia Calviño, ministra de Economiá

Redacción / Efe

A Comisión Europea rebaixou a súa proxección de crecemento para España en dúas décimas tanto no 2018 como no 2019, ata o 2,6 % e 2,2 %, respectivamente, segundo as súas previsións macroeconómicas de outono publicadas este xoves. Ademais, elevou a súa proxección de déficit público para ambos os exercicios, ata o 2,7 e o 2,1 % do PIB, respectivamente.

Os dous datos revelados por Bruxelas este xoves mostran unha previsión peor que as última emitidas polo Executivo comunitario para estes indicadores, nas que calculaba que o crecemento sería maior, do 2,8 % este ano e do 2,4 % o próximo. Mentres que o déficit se prevía menor, do 2,6 % e o 1,9 %, respectivamente.

Os socios europeos sinalan ademais que hai «incerteza» sobre algúns dos puntos das contas públicas presentadas polo Goberno socialista. En particular, aseguran, sobre o impacto das novas medidas tributarias e a subida do salario mínimo.

Segundo informa EFE, as previsións da Comisión para estes dous indicadores sitúanse un pouco na liña coas do Goberno no caso do 2018 pero móstranse máis pesimistas para o 2019, ano para o que o Goberno estima un crecemento do 2,3 % e un déficit do 1,8 %. Para o 2020, Bruxelas proxecta un crecemento do 2 % e un déficit do 1,9 % do PIB. «Espérase que o crecemento siga sendo robusto pero que se desacelere conforme os fogares restrinxen o consumo para aumentar os seus aforros», son as conclusións que expón a Comisión no seu informe deste xoves, no que ademais sinala que a economía española, no seu quinto ano de expansión, «empezou a mostrar signos dunha leve desaceleración na primeira metade do ano».

Bruxelas móstrase positiva nalgunhas das propostas. Espera que os impostos ambientais, o imposto de sociedades, sobre a renda e os novos impostos aos servizos dixitais e as transaccións financeiras aumenten a recadación. Aínda que engade que se verá «parcialmente compensado» polo aumento do gasto en pensións ou pola baixa de paternidade.

Con todo, cren os expertos europeos, que esta proxección «se basea nunha avaliación cautelosa» das medidas incluídas no Borrador de Orzamento do 2019 que lle remitiu España, xa que existe «incerteza» sobre a recadación con algunhas das novas medidas tributarias e o impacto da subida do salario mínimo. En concreto, Bruxelas calcula que o impacto neto das medidas fiscais será do 0,1 % do PIB mentres que o Goberno o cifra nun 0,4 %, segundo explicou o comisario de Asuntos Económicos, Pierre Moscovici, en rolda de prensa.

A subida do SMI terá un impacto negativo de 70.000 empregos

Tampouco gustou moito nos despachos europeos a proposta de subir o Salario Mínimo Interprofesional (SMI). As calculadoras dos expertos de Bruxelas puxéronse a funcionar e consideran que terá un impacto de entre 70.000 e 80.000 postos de traballo na creación de emprego e que, ademais, elevará a masa salarial total do país nun 0,35 % no mesmo prazo. 

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
4 votos
Comentarios

Bruxelas rebaixa as súas previsións de crecemento para España neste ano e o próximo