O Parlamento ratifica o teito de gasto para o 2019, que sobe a 9.850 millóns, un 3,8 % máis

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

Xoán A. Soler

O cumprimento do trámite permitirá á Xunta aprobar o vindeiro xoves o proxecto orzamentario para o ano próximo

16 oct 2018 . Actualizado ás 14:01 h.

O grupo do Partido Popular fixo valer este martes a súa maioría absoluta no Parlamento galego para aprobar sen ningún tipo de dificultade o teito de gasto para o 2019, que ascenderá a 9.850 millóns de euros, o que supón un 3,8 % máis que no actual exercicio. O Goberno autonómico supera así un trámite preceptivo para poder aprobar o proxecto de Orzamentos da Xunta o vindeiro xoves, na reunión semanal do Consello, coa finalidade de iniciar a súa tramitación na Cámara antes do 20 de outubro, como é tradición.

O debate celebrado no Hórreo para aprobar o teito de gasto foi tan litúrxico que o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, chegou a dicir que «podía facer o discurso do ano pasado», pois poucas son as cousas que mudaron. O seu homólogo do PP, Pedro Puy, abundou nesta tese e falou de «debate de normalidade democrática» que se pode facer no ámbito galego pola estabilidade política, pero non en moitos concellos nin a nivel do Estado.

Xoán A. Soler

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, foi o encargado de subir á tribuna para defender o teito de gasto exposto polo Executivo galego. A cifra de referencia, dixo, permitirá dispor o próximo ano de 363 millóns de euros máis de gasto para cumprir cos obxectivos macro, que pasan por lograr un crecemento do 2,5 %, dúas décimas por amais da previsión marcada polo conxunto de España, e crear ao redor de 15.000 novos empregos para rebaixar a taxa de paro ata o 12,7 %.

Tanto Luís Villares (En Marea) como Ana Pontón (BNG) acusaron o Executivo galego de seguir instalado na austeridade, os recortes e a posverdad que quen pon por diante os intereses da banca aos das persoas. Leiceaga, á súa vez, entende que o PP persiste nas receitas que provocaron que Galicia destruíse máis emprego durante a crise que a media española e que agora cre menos emprego durante a recuperación.

A críticas, no entanto, non mudaron o resultado final da votación. O PP votou de xeito monolítico en favor do teito de gasto proposto, a só dous días vista de aprobar os orzamentos para o 2019.