Os concellos con máis renda de Galicia (e os que menos teñen)

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

ALBERTO LÓPEZ

Facenda fai públicas as rendas medias dos concellos con máis de mil habitantes

17 oct 2018 . Actualizado ás 00:50 h.

A actualización de datos de IRPF por concellos que anualmente desagrega o Ministerio de Facenda volve situar aos mesmos concellos entre os dez primeiros por arriba, pero tamén por abaixo, con algún pequeno cambio nas súas cifras e na súa orde.

O dato máis relevante por arriba é que Vigo está a piques de saír da relación de dez maiores concellos por renda, tras caer un 3 % a súa renda bruta por cidadán, ata os 25.800 euros, con Sada (25.700), a piques de superala.

Os cinco concellos cos maiores niveis de riqueza (Oleiros, As Pontes, Bergondo, A Coruña e Santiago) acadan unha renda media por habitante superior aos 30.000 euros, un 3,7 % máis nun só exercicio. Con todo, o dato está moi distorsionado polo sucedido con Oleiros, que se incrementou un 8 % entre o 2015 e o 2016, para superar xa os 40.000 euros de renda bruta media. É un dos trinta municipios con mellores datos en toda España, algo tamén lóxico en tanto que algúns de principais empresarios e executivos de Galicia galegas residen nese municipio da área metropolitana da Coruña.

Por abaixo, a cola ocúpana sobre todo concellos do interior de Lugo e Ourense, repetindo Cervantes na cola, cunha renda media apenas superior aos 12.000 euros, a pesar de incrementarse notablemente a cifra, desde os 11.000 precedentes.

En España, o municipio con maiores rendas segue sendo o madrileño de Pozuelo: máis de 72.900 euros. Neste buscador podes localizar a renda de cada concello: