Venezuela quita cinco ceros ao bolívar ante a inflación desbocada

pedro garcía outeiro CARACAS / CORRESPONDENTE

ECONOMÍA

FEDERICO PARRA | afp

Decide vincular a súa cotización, e tamén os salarios, a unha cuestionada criptomoneda

17 ago 2018 . Actualizado ás 08:23 h.

Venezuela, inmersa nunha hiperinflación que pode acadar 1.000.000 % este ano, segundo cifras do Fondo Monetario Internacional, inicia un novo proceso de reconversión monetaria. Baixo o propio chavismo, no 2008, o Goberno quitou tres ceros á moeda e chamouna bolívar forte; agora quítalle outros cinco, e denominarao bolívar soberano.

Se un euro custaba no ano 2000 uns 700 bolívares dos orixinais, hoxe, baixo esa mesma denominación, custaría seis mil millóns nun país no que un salario mínimo xa non acada 0,50 euros mensuais a ese mesmo cambio. O endebedamento público en época de altos prezos petroleiros, e a súa consecuente crise cando os prezos e a produción caeron, puxo a Venezuela en caída libre.

Pero o Goberno de Nicolás Maduro di que esta vez ten a fórmula para reverter a situación, e nun prazo de dous anos, segundo sinalou o mandatario. O bolívar soberano contará cunha ancoraxe ao petro, unha criptomoneda creada polo propio Maduro cuxa unidade, en teoría, representa o custo dun barril de petróleo.

Pero non só a nova moeda estará ancorada á criptomoneda: tamén o estará o salario, indicou o presidente, que prometeu os detalles para os próximos días. Haberá, sinalou Maduro, unha serie de medidas complementarias, entre elas aumentar a gasolina para quen rehúsen sacarse o Carné da Patria, unha sorte de caderno de racionamento dixital para os acólitos do chavismo; unha tímida liberalización do control de cambio; e unha liberación de boa parte dos controis de prezos, ineficaces ante unha inflación que xa se mide diariamente ao 2,7 %.

Os economistas son escépticos. Non só porque dubidan da vontade do Goberno para reducir o déficit fiscal de dous díxitos que tivo o Estado durante os últimos dez anos, senón porque Maduro anunciou unha ancoraxe «a algo que non existe», esa criptomoneda, como sinalou o deputado opositor José Guerra, que foi directivo do Banco Central de Venezuela durante a primeira parte do chavismo. O petro foi sancionado por Estados Unidos como un mecanismo de evasión de capitais

Outra reconversión?

O execonomista xefe do Bank of America Alejandro Grisanti, actual director da firma Ecoanalítica, sinalou que se non se logra frear o ritmo da hiperinflación, en maio estaremos ante a necesidade dunha nova reconversión nun país no que hoxe un café na barra dun bar custará 2,6 millóns de bolívares, que se converterán en 26 o luns.

Guerra sinala ademais que o suposto apoio do petro ao barril de petróleo é como «ancorar unha moeda cos peixes do mar».

Polo momento, as reformas económicas parecen apuntar tamén a captar o crecente mercado de remesas nun país que sofre un éxodo poboacional sen precedentes na historia de América Latina. Por iso abriu timidamente o seu control de cambios. Desde o chavismo sinálase que o novo modelo monetario é equivalente ao que ten Cuba, co seu peso cubano non convertible e o CUC, convertible a dólares.