O final da fuxida

Rubén Santamarta

ECONOMÍA

Óscar Vazquez

Fernández de Sousa estivo a piques de levar por diante una das maiores empresas que coñeceu Galicia

17 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Acostumado como estaba a un trato de vicerrei, a que ninguén lle chistara unha decisión, Manuel Fernández de Sousa-Faro considerou oportuno durante meses ampararse en que o sucedido en Pescanova na primavera do 2013 era «unha fochanca», un «problema puntual de tesourería», un «malentendido», un «efecto da crise», sen pensar sequera que houbese quen llo discutise. A súa palabra, ata un infausto día de febreiro do 2013, era lei. Resultou que na súa fuxida estivo a piques de levar por diante una das maiores empresas que coñeceu Galicia, máis de 10.000 empregos, unha marca de prestixio e centos de pequenos accionistas que confiaban nunha sociedade exemplar. Na súa fuxida contaxiou a sospeita de fraude a outros xigantes da alimentación que nada tiñan que ver cos seus enredos. Na súa fuxida Sousa arrastrou a parte da súa familia. Pero na súa fuxida topouse cunha Fiscalía ben armada e con dous xuíces (Pablo Ruz primeiro, José de Mátaa despois) que foron capaces de desmontar unha complejísima trama de miles de facturas falsas («non hai contabilidade B», dicía o empresario), de movementos de capitais, de sociedades opacas... e levalo ao banco. Aí está o final da escapada. A empresa sobreviviu. Por fortuna. Non por el.