Acordo na UE: un 32 % de renovables para o 2030

adolfo lorente BRUXELAS / COLPISA

ECONOMÍA

ALBERTO LÓPEZ

España era máis ambiciosa e apostaba por tres puntos máis

15 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Doce horas despois de moito tirar e afrouxar, os equipos negociadores do Parlamento Europeo, a Comisión e o Consello (representa aos Gobernos dos Vinte e oito) acordaron que o 32 % de toda a enerxía que se consuma na UE no 2030 proceda de fontes renovables, tres puntos menos do solicitado polo Executivo comunitario, pero moito máis do que moitos países estaban dispostos a acadar. Á fin e ao cabo, negociar é isto. Agora tanto a Eurocámara como o Consello deben ratificar o acordo político. Salvo sorpresa, será un puro formulismo.

«Este acordo é unha vitoria duramente gañada nos nosos esforzos por liberar o verdadeiro potencial da transición de enerxía limpa de Europa. Esta nova ambición axudaranos a cumprir os nosos obxectivos do Acordo de París e traducirase en máis postos de traballo, menores facturas de enerxía para os consumidores e menos importacións de combustible. Estou particularmente satisfeito co novo obxectivo europeo do 32 %», felicitouse o comisario de Enerxía, o español Miguel Arias Cañete, quen recalcou que «a natureza vinculante do obxectivo tamén proporcionará certeza adicional para os investidores».

A porcentaxe actual de renovables rolda agora o 17 %, por iso é polo que ter pactado un compromiso vinculante do 32 % sexa un logro tan loado. Ademais, Bruxelas conseguiu que as capitais se comprometan a revisar á alza estes obxectivos no 2023. O que non se logrou é establecer metas vinculantes para cada Estado membro, algo que si existe na actualidade. Desta forma, países do leste como Polonia, extremadamente carbonizados, terán máis marxe de manobra. De feito, o acordo acadado nas primeiras horas de onte prevé a creación dun fondo para axudar ás comarcas europeas que peor o van pasar, as máis dependentes do carbón.

No caso español, a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, cualificou o acordo como unha «fantástica noticia», xa que considera que é moi bo «para España e a súa industria».

Si ao autoconsumo

Subliñou que recolle «facilidades importantes» e destacou «o peso que deben ter os sistemas de autoconsumo na contribución e constitución dun modelo enerxético diferente». Así, Ribero mostrouse segura de que España está preparada para cumprir con eses obxectivos no 2030 e avogou por mirar máis aló, cun reto para o 2050 de «un sistema enerxético eficiente, intelixente e 100 % renovable». Insistiu en que con estas medidas se abren novas oportunidades para a industria española.