Os recibos de IBI no rural galego crecen un 30 % nun ano, e sen incluír 13 concellos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

miguel souto

O número de recibos pasou nun só exercicio de 671.098 a case 1.098.000

09 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O volume de recibos do imposto de bens inmobles (IBI) en zonas rústicas en Galicia creceu nun ano de forma notable, ata superar o millón de facturas, segundo despréndese do último informe da Dirección Xeral do Catastro. Ese documento incorpora os primeiros datos do 2017, aínda moi parciais porque non inclúen as cifras de polo menos 13 municipios das provincias da Coruña e Ourense. Entre os que non teñen datos actualizados están tres cidades, A Coruña, Santiago, Ferrol, pero tamén algúns municipios con amplas zonas rurais como Rianxo, Avión ou A Pobra.

O caso é que, sen contabilizar eses municipios, o número de recibos pasados ao cobro pasou nun só exercicio de 671.098 a case 1.098.000, é dicir, un crecemento por amais do 30 % en apenas un exercicio. Os ingresos dos concellos polo IBI rústico, á espera de que se incorporen eses municipios, subiu ata os 14,3 millóns de euros. Detrás dese incremento está a suma de bens non declarados anteriormente, como consecuencia da revisión extraordinaria que desde o 2013 está a levar a cabo o Catastro, e que destapou máis de 300.000 instalacións na comunidade, entre ampliacións, novas construcións e piscinas.

Pola súa banda, os datos de IBI urbano do 2017 son tamén provisionais por agora, como avisa o Catastro, e están claramente distorsionados pola ausencia de tres das sete grandes cidades. Cos números dispoñibles ata agora ingresáronse o ano pasado 386 millóns de euros, con 2,2 millóns de recibos xa cobrados.