A venda de pataca galega con selo de calidade repunta un 50 %

sindo martínez XINZO / LA VOZ

ECONOMÍA

Jose Manuel Casal

Acada os 6 millóns de quilos grazas aos convenios con grandes distribuidoras e o aumento do número de produtores

19 abr 2018 . Actualizado ás 20:38 h.

A comercialización da pataca galega con selo indicación xeográfica protexida (IXP) volveu ás cifras da época anterior á crise económica. Se a venda do mellor tubérculo amparado polo consello regulador chegou fai unha década a roldar os oito millóns de quilos, o descenso na produción, a redución do número de produtores e a caída nas transaccións provocaran o derrubamento ata os catro nas últimas campañas. Este ano, a cifra definitiva será de seis millóns de quilos.

O presidente do consello regulador, Guillermo Budiño, expuxo que a campaña «hai que cualificala de fantástica. Vendéronse case 1,8 millóns de quilos máis que no 2017». Explicaba tamén que segue aumentando o número de agricultores inscritos no selo de calidade. Budiño atribuíu este incremento ao mantemento do prestixio da pataca galega, á alta calidade da colleita do ano pasado (comercializada ata este mes) e aos convenios con grandes marcas distribuidoras como Eroski acadados nos últimos tempos.

«Nesta campaña non tivemos ningunha reclamación ou queixa pola calidade da pataca comercializada. É moi destacado que vaiamos recuperando as cifras de venda das épocas de bonanza económica e que toda a pataca dispoñible comercializouse», aseverou Budiño.

O Consello Regulador agarda que en breve prazo as autoridades europeas dean o visto e prace definitivo á modificación dos estatutos do organismo para incluír a toda a comunidade autónoma e non só a tres subzonas (A Limia, Bergantiños e Terra Chá-Monforte) como zona de produción recoñecida. Ademais, o novo regulamento posibilitará engadir dúas novas variedades: a fina de Carballo e a agre, que se sumarán á kennebec. A previsión a medio prazo é que o tubérculo con indicación protexida poida roldar os 10 ou 12 millóns de quilos vendidos.

Máis do 90 % da superficie sementada (ao redor de 200 hectáreas) séguese sementando na chaira antelana, onde se recolle preto do 95 % da produción amparada total. A Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia supón pouco máis dun 5 % da produción de pataca da comarca, que rolda os 110 millóns de quilos anuais.

Doutra banda, dous técnicos do Consello Regulador de Xinzo están presentes estes días na feira do sector da alimentación máis importantes de España, Alimentaria, que ten lugar en Barcelona. A Cidade Condal, xunto con Madrid, é unha das grandes urbes onde existe unha maior demanda de tubérculo galego desde fai lustros.