Caixa Rural Galega incorpora o servizo Apple Pay aos servizos de pagamento dos seus clientes

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

Garante a seguridade das operacións, xa que os números do cartón non son almacenados no dispositivo nin nos servidores de Apple

18 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os clientes de Caixa Rural Galega terán que seguir pasando por caixa para efectuar os seus pagamentos. Pero agora, ademais do efectivo ou o cartón, poderán incorporar a modalidade que ofrece realizar este tipo de operacións a través do teléfono móbil.

Desde onte, a entidade financeira de base cooperativa pon a disposición dos seus clientes Apple Pay, un servizo que, segundo os seus impulsores, resulta sinxelo, seguro e privado.

O servizo que usa a tecnoloxía Apple Pay garante a seguridade das operacións, xa que, segundo a información facilitada pola entidade bancaria, os números do cartón non son almacenados no dispositivo nin nos servidores de Apple. Cada transacción autorízase cun código de seguridade dinámico e único por cada pagamento. Apple Pay é doado de configurar e os usuarios continuarán cos mesmos servizos que ata agora cos seus cartóns de Caixa Rural Galega.

O novo medio de pagamento ponse a disposición dos usuarios da cooperativa de crédito con sede en Lugo, que posúe unha rede de 46 oficinas distribuídas pola xeografía galega.

Actualmente, presta servizos financeiros a preto de 70.000 clientes e a súa base social supera os 16.000 socios.