A inspección masiva do Catastro fai subir o IBI ata un 8 % nos concellos

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

ROI FERNÁNDEZ

Lugo é a provincia con maior incremento do recibo tras as revisións de bens ocultos

07 dic 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O plan de regularización catastral provocou que se destapen en Galicia 346.000 inmobles non declarados e que nos últimos catro anos -desde que se iniciou esta inspección- o recibo medio do imposto de bens inmobles (IBI) incrementouse nos municipios galegos entre un 4 % e un 8 %, segundo os datos que manexa a Dirección Xeral do Catastro, dependente do Ministerio de Facenda. Iso, á marxe das subidas puntuais que teñan executado os propios concellos durante este tempo.

O feito de que aflore un ben oculto -unha nova construción, unha piscina, unha ampliación ou unha reforma- fai que aumente o valor catastral desa propiedade e, en consecuencia, o imposto que se paga por ela ás arcas municipais. Na provincia da Coruña, o incremento medio do recibo do IBI dos municipios acollidos á regularización foi do 4,93 %; na de Ourense, do 3,77 %; en Pontevedra, do 5,32 %; e na provincia de Lugo, a máis onerosa, do 7,83 %. Hai que ter en conta que neste territorio é onde Facenda peiteou máis concellos. Dos 346.199 inmobles descubertos en Galicia, 93.946 corresponden a esta provincia, é dicir, case o 27 %.

A taxa a abonar

Ao anterior hai que sumar que a lei do catastro inmobiliario establece unha taxa de 60 euros pola comunicación desa irregularidade, co obxectivo de abonar os custos de toda esta inspección. Tendo en conta o número total de bens aflorados, significa que desde que se iniciou a regularización no 2014 Facenda ingresou 22,7 millóns de euros na comunidade galega. Ademais da taxa que ten que pagar, o feito de ter un ben oculto ou non regularizado supón que o contribuínte ten que pórse ao día no municipio onde reside, que é o que cobra o IBI. O Concello poderá esixirlle o pagamento dos recibos non prescritos nos últimos catro anos, así como os intereses de demora. As construcións agrarias están exentas de liquidacións con atrasos. Regularizar o ben no Catastro non implica legalizar a obra no rexistro da propiedade. Porque unha cousa é o efecto fiscal, e outra o urbanístico, unha competencia que é municipal.

En casos tan abundantes como piscinas inchables, pérgolas ou grelladas, as imaxes aéreas -unha das ferramentas máis frecuentes que usa Facenda para a inspección- poden levar ao erro de considerar estes elementos como unha construción oculta a efectos fiscais (que non urbanísticos). Cando Facenda detecta algún tipo de anomalía, a axencia rexional do Catastro envía unha carta ao contribuínte para notificarllo. O cidadán ten 15 días para presentar un escrito de alegación e xustificar a desconformidade. Os asesores recomendan achegar fotos que permitan demostrar o erro na valoración por parte de Facenda.

Facenda ingresou 22,7 millóns en taxas polos 340.000 bens non declarados O valor catastral é a base de cálculo para a maior parte dos tributos ligados aos inmobles. No ámbito local ten impacto directo nas plusvalías municipais e no IBI, a gran xoia fiscal dos concellos, un imposto que achega, máis ou menos, un 30 % dos seus ingresos. A antigüidade da construción, o estado de conservación ou a súa localización, entre outros, son algúns dos criterios técnicos que utiliza o Catastro para determinar uns valores cuxa adaptación é responsabilidade dos concellos. Desde que estalou a crise, ese valor subiu de media en Galicia un 16 %. Influíron dous factores: a actualización a petición dos concellos para recadar máis e este plan de regularización.

Os ingresos dos concellos pola vivenda repuntan ata os 480 millóns

O traballo dos técnicos do Catastro para destapar máis de 340.000 bens non declarados en Galicia ten unha consecuencia evidente para os concellos: maiores ingresos polo recibo do IBI. A esta continxencia xeral (é un procedemento para toda España) está a sumarse outra particular: as subidas que están decretando moitos concellos para revisar un tributo ancorados nalgúns casos nos anos oitenta. Os dous fenómenos están a traducirse nunha notable subida da recadación do imposto á vivenda.

Nos últimos tres exercicios -desde que se iniciaron as inspeccións- os concellos galegos incrementaron os seus ingresos por imposto de bens inmobles (IBI) urbano en máis dun 6 %, ata os 483,6 millóns de euros cos que se pechou o 2016, segundo datos do Ministerio de Facenda. Fai tres anos, cando se iniciou a inspección do catastro para aflorar bens ocultos, eses ingresos estaban nuns 465 millóns. É dicir, aumenta case 20 millóns en apenas tres exercicios. Esta cifra ten sen computar os 134.000 inmobles que se descubriron nos últimos doce meses, e que contribuirán a mellorar esa recadación.

Fai dez anos, en pleno bum económico, o IBI urbano deixaba nas arcas municipais 277,4 millóns de euros, repartidos entre dous millóns de recibos. Agora os ingresos creceron un 75 %, algo que non se corresponde co incremento na base de inmobles, que aumentou en 617.000, un 30 %. Conclusión: gravouse máis a cada contribuínte. En total, en dez anos os veciños dos concellos galegos pagaron case 4.400 millóns de euros en concepto de bens inmobles.