De Guindos alerta de que a denuncia de EE. UU. pola oliva española podería restrinxir as axudas a outros produtos agrarios

La Voz MADRID / AXENCIAS

ECONOMÍA

ROI FERNANDEZ

O ministro cre que esta denuncia «non é casual»

22 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O ministro de Economía, Luis de Guindos, avisou onte no Senado de que se a resolución da denuncia interposta polas autoridades dos Estados Unidos contra as importacións de olivas de mesa españolas resulta desfavorable sentaríase un precedente «moi perigoso» para outras posibles accións restritivas noutros produtos que reciben axudas por parte da Unión. En xuño, as comercializadoras de oliva negra en EE. UU. denunciaron que as que se exportan ao país entran a baixo prezo polas axudas que reciben da Unión Europea, polo que presentaron ante as autoridades de competencia estadounidenses unha petición para imposición de medidas antidumpin.

De Guindos explicou que o Goberno español participa activamente na defensa de empresas españolas en sintonía coa Comisión Europea, axentes do sector e a Junta de Andalucía, e que se rexistrou como parte interesada na investigación. O Executivo, dixo, mantén contactos bilaterais co Goberno dos Estados Unidos, tanto coa Secretaría de Estado de Comercio como coa de Agricultura . Así mesmo, asegurou que defenderá «con todos os medios e forzas» os dereitos dos produtores de oliva española para evitar «calquera tipo de medida compensatoria por parte dos Estados Unidos», movido pola convicción de que estas acusacións «non teñen fundamento» e de que as axudas que reciben os produtores españois son «plenamente compatibles coas normas internacionais de comercio». O ministro cre que esta denuncia «non é casual», xa que unha posible resolución negativa da demanda «abriría a porta a novos litixios sobre as subvencións que reciben outros produtos do marco da política agraria común». «Trátase dunha especie de proba piloto que despois se pode estender a outros produtos».