Antón Costas: «O modelo de baixos salarios é pan para hoxe e fame para mañá»

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

EDUARDO PEREZ

Este experto advirte que a pobreza debilita a capacidade da democracia para responder as necesidades sociais

16 novs 2017 . Actualizado ás 08:40 h.

Observador privilexiado da situación política e económica, Antón Costas Comesaña (Vigo, 1949) foi presidente do influente Círculo de Economía barcelonés. Acaba de publicar O final do desconcerto. Un novo contrato social para que España funcione e hoxe participa en Santiago nas II Xornadas de Auditoría, organizada polo Instituto de Censores Xurados de Contas e o Consello Galego de Economistas.

-Que estamos a facer mal na saída da crise?

-O bo é que hai un retorno claro ao crecemento económico. Tanto en España como en Europa. Pero ese regreso é incompleto e atípico.

-Por que?

-Non está a beneficiar ao conxunto das nosas sociedades. É un crecemento sen salarios, sen bos empregos, xa que logo, sen progreso social. E é atípico porque está moi empurrado pola política monetaria do BCE, de diñeiro abundante. E case a custo cero. É un crecemento sedado, por dicilo así. Hai que ver que pasa cando o BCE retire estes estímulos, esta droga.

-En que medida os baixos salarios explican a maior desigualdade e o auxe da pobreza laboral?

-É unha das dúas causas. Estas retribucións baixas afectan especialmente ao 40 % dos fogares máis pobres. O segundo motivo é que os prezos dos bens e servizos que afrontan esas familias non son prezos de competencia, senón de monopolio. Gas, electricidade, auga e impostos drenan dunha forma extraordinaria a escasa renda dispoñible dese 40 % dos fogares. E isto fai que caian no limiar da pobreza. O último dato de Eurostat así o acredita.

-Por que non se actúa desde o poder político se tan está claro o diagnóstico?

-Hai un feito intrigante: canto máis desigual é unha sociedade e cantas máis persoas están na pobreza ou preto dela peor funciona a democracia á hora de recoller as necesidades dos máis necesitados.

-A que se debe isto?

-Observamos que os pobres teñen unha menor propensión a votar. Se na Coruña fas un mapa por barrios en función da renda comprobarás que nas zonas máis desfavorecidas a xente participa menos nos procesos: a pobreza debilita a capacidade da democracia para ofrecer respostas. Os que gobernan, racionalmente, recollen as preferencias daqueles que votan. E os que votan son os acomodados.

-Está en perigo o modelo de clase media?

-Esa é unha afirmación esaxerada. A clase media patrimonialista, a que ten vivenda en propiedade, non se reduciu. O que si é certo é que, en todos os países desenvolvidos, a clase media tivo un crecemento menor da súa renda ao longo dos últimos 15 anos.

-Cre que periga a sustentabilidade do sistema de pensións?

-Non son tan catastrofista. Pequenas reformas en moitos aspectos do modelo garantirán a súa viabilidade. A sustentabilidade, en realidade, depende do funcionamento da economía. Se repartimos mal a riqueza, se hai traballo precario, iso afectará a todos as alicerces que fornecen ingresos aos fogares. Hai que mellorar a renda dos fogares.

-E como?

-Hai varios retos. O primeiro é conseguir unha maior estabilidade no crecemento da economía, que non sexa tan cíclica; segundo, que os mercados de bens e servizos sexan máis eficientes, con prezos en función dos custos; terceiro, para competir hai que equilibrar o enfoque, fuxir do modelo actual de emprego precario, de baixos salarios: isto é pan para hoxe e fame para mañá. Non ten futuro. O que hai que facer é aumentar o tamaño das empresas, que é liliputiense, e que non pode ter melloras de produtividade. Tamén hai que modificar o modelo de empresa predominante en España: é un modelo anticuado, de ordeno e mando, xerárquico e esclerótico. Aquí non hai produtividade.

-Vostede vive en Cataluña. Cal cre que será o custo económico real do independentismo?

-Non só hai que valorar a saída de sedes cunha intensidade que non fun capaz de prever. Está a retracción do consumo pola incerteza ou a saída de aforros persoais. Isto é moi importante. A produción de bens e servizos segue en Cataluña, non haberá caída do PIB, pero si se perderá influencia. Se despois de 21D Cataluña non transmite seguridade ao investidor e ao aforrador, entón a situación económica, lonxe de mellorar, irá a peor.