Galicia logra superar en dous puntos a España en peso do emprego industrial

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

CESAR QUIAN

Precisaría incorporar 72.000 traballadores máis ao sector para ser o líder autonómico

11 sep 2017 . Actualizado ás 21:38 h.

A consolidación do ansiado cambio de modelo produtivo que permita construír uns cimentos económicos máis fortes ante futuras turbulencias pasa inevitablemente por fortalecer o sector industrial. Do máis dun millón de ocupados que ten Galicia, 164.700 estano na industria. É dicir, un 15,9 % do total. A boa noticia é que esa proporción é dous puntos maior que a que se rexistra en España, onde o emprego industrial representa o 13,9 %, tal e como reflicten os últimos datos da enquisa de poboación activa (EPA). Con todo, en Galicia queda un longo camiño aínda por percorrer, sobre todo se quere compararse con quen lidera o ránking autonómico, o País Vasco, unha comunidade que ten un tamaño económico similar. Por exemplo, dos case 900.000 ocupados cos que conta ese territorio, 204.900 están na industria; isto é, case o 23 % do total. Se Galicia quixese igualar esa proporción, tería que crear 72.000 empregos industriais máis.

Estes e outros datos inclúense nun recente informe do Foro Económico de Galicia (FEG), no que se abordan as claves dunha estratexia industrial galega, un traballo que elaborou Albino Prada. O documento, máis aló das cifras de emprego, pon o foco nos aspectos que debe mellorar a comunidade para corrixir os seus desequilibrios.

A publicación documenta como entre o 2000 e o 2015 rexistrouse en Galicia unha crecente terciarización da economía (maior peso dos servizos) e que trouxo aparellada unha perda de produción material. «Unha economía cunha minguante e residual produción material será forzosamente unha economía con galopantes déficits externos e cunha moi problemática estabilidade do seu emprego, da súa demanda interna e, en suma, do seu benestar social», precisa Albino Prada. Neste contexto, o obxectivo da Xunta sería darlle a volta a esta tendencia e recuperar máis de seis puntos sobre o PIB ata o 2020. No Estado, a economía rexional que mellor se está desenvolvendo no peso da produción material é o País Vasco, o que explica tamén a súa apertura e competitividade cara ao exterior e outros aspectos, como o tamaño empresarial e os soldos máis elevados. 

En busca do valor engadido

Segundo o FEG, a produción material galega ten presenza en actividades relacionadas cos recursos naturais (enerxéticos, agrarios ou forestais) que non é capaz logo de transformar en valor engadido noutras actividades manufactureras. Xusto o contrario do que sucede en Cataluña ou o propio País Vasco. Quizais un exemplo claro sexa a cadea de valor da madeira: cun gran peso na primeira transformación, e moito menor na segunda (pasta e moble).

Hai datos moi ilustrativos. Por exemplo, Galicia, cun valor engadido bruto (VAB) primario do 5,1 % do total xera un VAB manufacturero alimentario do 2,9 %, mentres que Cataluña chega ao mesmo nivel partindo dun VAB primario moito máis baixo. Con todo, á luz dos datos, á comunidade galega non lle abondaría cunha maior conversión manufacturera dos recursos naturais para recortar o déficit en peso industrial agregado. A lista de actividades onde é preciso avanzar, segundo o FEG, é longa: industria farmacéutica, equipamentos informáticos e electrónicos, equipamento eléctrico, fabricación de maquinaria. Actividades, todas elas, de maior valor e que contribuiría a ofrecer emprego mellor remunerado.

A folla de ruta: gañar tamaño e impulsar a innovación non tecnolóxica

Á xa sabida necesidade de ampliar a base de empresas exportadoras -o motor exterior galego é moi dependente do que fagan dous xigantes como son Inditex e Citroën- faise necesario, segundo os expertos, adoptar outras decisións. O FEG pon o foco na necesidade de aumentar o tamaño empresarial e entende que se fan necesarias reformas institucionais: non perseverar no apoio ás microempresas e facelo, sobre todo, en iniciativas de concentración. Isto é clave para mellorar a competitividade exterior e que se poidan sumar tamén ás exportacións negocios que operan no mercado autonómico e nacional. Galicia tamén ten que avanzar na definición de novos produtos e novos procesos e aquí resulta clave, entre outras cousas, apostar pola innovación que non só é tecnolóxica. É dicir, fai falta dedicar unha maior atención a rexuvenecer os cadros de persoal, a organización e desenvolver novos modelos de negocio. 

Posición xeográfica

Corrixir o sobreendeudamiento das empresas e apostar por sacar máis partido ás fortalezas que brinda a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal son algunhas das cuestións que tamén expón o FEG no seu documento sobre a estratexia industrial do futuro. Un escenario no que o éxito dependerá tamén de que Galicia sexa capaz de mellorar os raquíticos rexistros de investimento extraese recibida. Galicia é unha comunidade con moi poucas filiais de empresas estranxeiras.