Facenda abre unha inspección xeral a miles de gandeiros para detectar fraude

Xoán Ramón Alvite Alvite
Xoán Ramón Alvite REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

ALVITE

Reclámalles documentación de hai anos pola cesión de dereitos e provoca crispación no campo

14 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Axencia Tributaria segue apertando o cinto aos agricultores e gandeiros galegos. Nun principio foron as transferencias de cotas lácteas. Daquela o control a construcións polas que se reclamaba un incremento no catastro. E despois os plans de mellora e a incorporación de mozas. Pero isto non é o último. Agora o obxectivo do fisco parecen ser as cesións de dereitos de pagamento único. Os dereitos de pagamento único son os títulos que permiten ao gandeiro recibir as axudas directas da Unión Europea. O termo introduciuse na reforma da PAC do 2003 e, desa forma, desvinculáronse as subvencións agrarias do cultivo producido nas leiras e pasou a unirse á superficie da terra.

Durante os últimos días foron múltiples as persoas que recibiron unha comunicación da Dependencia Rexional de Xestión Tributaria na Coruña -ao parecer a inspección acadará a máis de dez mil afectados- na que se lle require a presentación de toda a documentación derivada do traspaso destes dereitos entre produtores. Dáse a circunstancia de que a maioría destas transferencias realízanse entre pais e fillos ou entre socios dunha mesma gandería. Un aspecto que confirman desde o sindicato Unións Agrarias, que non dubida en cualificar a campaña do departamento que dirixe Cristóbal Montoro como «un novo ataque ao sector, sen base legal nin económica para prosperar pois a práctica totalidade das transferencias de dereitos non ten carácter oneroso», apunta o seu responsable, Roberto García.

Desde esta organización profesional agraria din lamentar que se trate aos gandeiros como defraudadores cando non se detectou delito algún. Insisten no feito de que na inmensa maioría das cesións non existiu transvasamento de diñeiro e polo tanto non existe compoñente algún de incremento patrimonial nin de interese recadatorio. Noutros casos, a Axencia Tributaria tamén está reclamando o IVE do 21 % das transmisións ou cesións de dereitos de pagamento do 2013.

«Como delincuentes»

«É vergoñento que nos queiran cobrar por deixarlle aos nosos fillos algo que, xa de por si, pertence á propia explotación. O tema é recadar como sexa e penso que xa empezan a perder o control do que fan», así de contundente móstrase José Manuel, un gandeiro de Santa Comba que pide que non se publiquen máis datos sobre a súa identidade. Segundo as súas propias palabras, xubilouse no 2014 transmitindo os seus dereitos de pagamento único a unha explotación rexentada polo seu fillo e outro socio. «Traspaseille os meus dereitos [concretamente 12 por un valor de pouco máis de 2.000 euros] porque me dixeron que, do contrario, ía perdelos ao vender as vacas tras xubilarme por enfermidade. E agora veñen inspeccionarme como se fose un delincuente», critica.

No seu mesma situación atópanse varias granxas da mesma zona que, por distintos motivos, víronse obrigados a pechar as súas portas e que traspasaron os seus dereitos de pagamento único a outras explotacións rexentadas por veciños ou familiares. Todas elas de forma gratuíta motivadas polo feito de que o non facelo implicaría perdelos.

É o caso de José González de Mazaricos que traspasou trece dereitos por un valor total de 3.100 euros. «Eu paseillos a miña irmá e ao seu home, que teñen una granxa familiar ao lado da miña casa. Non lles cobrei nada porque preferín que os tiveran eles que ter que perdelos», explica, á vez que non oculta a súa preocupación pola notificación recibida da Axencia Tributaria. «Traballei toda a vida no campo e vivo dende fai 4 anos dunha pensión de xubilación de 610 euros. Ter que andar agora buscando papeis de fai varios anos e andar con xestorías e avogados faiseme duro. De sabelo tería deixado que se perderan os dereitos porque xa non estou para andar con estes líos nin para que me traten de delincuente», gabia.