O «bitcoin» pica en Galicia: ninguén paga con esta divisa

Touriño / R.S. REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

MARTINA MISER

En localidades como Vilagarcía de Arousa aínda se segue aceptando o pagamento nesta moeda, a pesar de estar en desuso

13 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Algunhas tendas e locais en Galicia atrevéronse fai un par de anos a aceptar un novo método de pagamento: o bitcoin. Parecía que ía ser a moeda do futuro, esa que todos iamos usar e que ía facer tremer as entidades bancarias. Hoxe, o panorama é moi diferente. É certo que nunca houbo moitos sitios onde se podía pagar nesa criptodivisa, pero os early adopters, eses que se anticiparon ao resto, tampouco tiveron moitas compras por ese método. Ata os hai que xa tiraron a toalla e decidiron deixar de aceptar esa divisa virtual. «Estiven todo o ano pasado pendente do tema, facendo promoción e nada», comentan na tenda Dome Decoración na Coruña.

En Vilagarcía de Arousa aínda se segue aceptando o pagamento en bitcoin , a pesar de estar en desuso, «Desde que traballo aquí aínda ninguén me pagou con bitcoin », afirma un empregado do hostal Nogueira. É certo que ese traballador tan só leva alí desde o inicio do verán, pero apunta que os seus compañeiros tampouco cobraron con ese método de pagamento, e iso que «levan máis tempo traballando aquí».

Nin sequera a instalación dun caixeiro de compra e venda de bitcoin no maior centro comercial de Galicia, en Marineda City (A Coruña), foi capaz de reverter a tendencia e atraer novos adeptos.

A razón máis simple para explicar esa falta de uso dáa Marcos Díaz, do despacho de avogados Click Xurídico, que se especializaron en temas relacionados coas criptodivisas: «Para unha transacción dun euro, igual estamos a falar dunha comisión de 30 céntimos». Poida que hai uns anos atrás si se usase esa moeda para cantidades pequenas, pero a subida vertixinosa do seu valor estes últimos meses -a principios de xaneiro non pasaba dos 1.000 dólares e este mes xa roza os 3.500- fixo que a xente o vexa máis como un investimento. Díaz incide nesta dirección: «A xente úsao máis como reserva de valor que como medio de pagamento».

Se é certo que se deixou de usar o bitcoin nos comercios ou bares de Galicia, aquilo non impide que existan dúbidas de tipo legal. Segundo comenta Marcos Díaz, cada vez hai máis clientes que acoden a eles por temas de «fiscalidade ou problemas que xorden en relación á criptomoneda». Entón unha empresa que ten a súa área de traballo nas criptodivisas, entre outras cousas, si terá pagamentos en bitcoin ? Tampouco é o caso. O avogado admite que unhas «30 persoas pagaron en bitcoins » desde que a admiten, fai case cinco anos. Demasiado poucas.