A Xunta prescindirá do concurso público para adxudicar futuros parques eólicos

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

Óscar Vazquez

A nova lei de implantación empresarial pretende revitalizar o sector das renovables

29 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A simplificación dos trámites administrativos, a posta en marcha de medidas que favorezan o acceso a chan industrial, as axudas para limar a fiscalidade e un marco para dar resposta ás necesidades de diferentes sectores da economía galega son algúns dos elementos centrais da futura lei de implantación empresarial que está a ultimar a Xunta para contrarrestar o crecente éxito do norte de Portugal na localización de empresas e industrias.

E, na futura normativa ocupa un lugar destacado o sector eólico. O novo texto lexislativo, presentado para a súa tramitación no Parlamento coa previsión de que se aprobe en outubro, inclúe unha serie de medidas para reanimar o sector.

En concreto, proponse a eliminación do sistema de concurso público para adxudicar novos parques, co que a Xunta adaptaría a súa normativa á nova lei estatal do sector eléctrico, do 2013, que non contempla ese tipo de procedementos. Aínda que o concurso actual, resolto no 2010, manteríase, respectando os deberes adquiridos polos promotores. Foi o proceso que emprendeu o Executivo de Feijoo para derrubar o que deseñara o bipartito.

Dentro dos obxectivos do Goberno galego está manter o canon eólico e que se cumpran os plans industriais que se acordaron. En aras, asegura a Xunta, da modernización dos mecanismos de tramitación e de ofrecer a máxima transparencia posible, crearase un rexistro eólico galego. Unha sorte de censo ao que poderán acceder os proxectos que conten con todos os permisos previos, como as liñas de evacuación e o estudo de impacto ambiental. Este novo sistema, segundo sostén a Administración autonómica, ofrecerá certidumbre temporal para garantir a posta en marcha de parques: o prazo máximo, tanto para obter unha autorización de construción como de explotación, será de tres anos. Superado ese período, se non conseguiu o permiso de construción revogarase o dereito do proxecto a figurar no rexistro. Ou ben se anulará a luz verde á construción se non logrou a de explotación.

Os prazos

A futura normativa recolle ademais outro mecanismo para a simplificación e racionalización da xestión administrativa, como é o procedemento único integrado. Consiste na tramitación do proxecto a través dunha única autorización, recortando así os prazos. Tamén se inclúen procedementos exprés cando se realicen modificacións non substanciais: autorizarase de forma automática o proxecto que respecte a poligonal do parque eólico, que non varíe a potencia en máis dun 10 %, e que teña aprobado o impacto ambiental.

Por outra banda, a nova normativa autonómica indica que os proxectos declarados de especial interese terán prioridade na tramitación de expedientes, reducindo os prazos á metade; e garantirase a sustentabilidade ambiental: só será posible instalar novos aeroxeradores na Rede Natura 2000 cando se rebaixe, como mínimo, á metade o número de máquinas do parque que estean dentro da área protexida (non se trataría de todos os muíños, senón só dos instalados dentro deste espazo). Estas modificacións lexislativas darían resposta, segundo a Xunta, ás necesidades expostas polos promotores do sector.

500 megawatts en carteira

De feito, tras as últimas poxas de renovables, que permitiron que Galicia conte en carteira con máis de 500 megawatts para instalar na comunidade, ábrese unha oportunidade para que os promotores concreten as súas iniciativas industriais, de forma que quede de manifesto que Galicia ofrece unha vantaxe con respecto ao resto de España en termos de eficiencia enerxética (horas de vento).

A futura lei recolle tamén outros cambios para impulsar a economía social (as cooperativas poderanse constituír con só dous socios). E o sector forestal, no que haberá un único portelo para conceder os permisos de curtas, nos que antes interviñan varias consellerías, o que dilataba estes trámites moito máis no tempo.