Pescanova enrédase nun conflito laboral que se resiste á mediación de Traballo

m. s. d. VIGO / LA VOZ

ECONOMÍA

XOAN CARLOS GIL

A presión á empresa volve esta tarde cunha nova manifestación do persoal

21 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Pescanova ten unha pedra no zapato que lle impide correr, agora que o seu horizonte económico se presenta despexado. As cousas van ben para o grupo, que acaba de blindar o seu futuro ata o 2020 cunha ampliación de capital de 340 millóns de euros. As vendas crecen dentro e fóra de España, pero os traballadores non están contentos. Polo menos boa parte dos máis de 700 aos que afecta o negociación do convenio colectivo. Así o manifestaron en asembleas, en manifestacións, e en paros convocados polos seus representantes sindicais. Son xa dez meses de desacordo que Inspección de Traballo, no seu papel de mediador, trata de reconducir en busca dun acordo.

Onte volveron citarse, e a reunión rematou co mandato ás partes en conflito de rebaixar as súas pretensións. «Inspección de Traballo solicitou tanto aos sindicatos como á dirección de Pescanova que presenten o luns, día 24, novas propostas, posto que as últimas (entregadas o pasado día 11) aínda son distantes», explicaron fontes da negociación.

Hai un novo calendario para achegar posturas. O mércores deberá renovarse a mesa de negociación, interrompida tras a convocatoria de mobilizacións. Pero os sindicatos xa advertiron de que, no caso de que a empresa manteña as formulacións da última reunión, a súa intención é non avanzar nas proposta e «volver a atrás», o que significaría o retorno á conflitividade.

Os tres aspectos que centran o desencontro son as condicións dos novos contratos, os salarios e a flexibilidade de xornada.

Durante os últimos meses, os sindicatos convocaron distintas mobilizacións. A máis inmediata celebrarase hoxe, venres; contará co apoio de case unha trintena de colectivos sociais, veciñais, culturais ou deportivos de Redondela (Pontevedra). A manifestación sairá ás 20.00 horas do lugar coñecido como Catro Pontes cara ás instalacións de Pescanova en Chapela.