«Hai medo, confusión, sensación de engano e pouca información sobre parques eólicos e liñas de evacuación»

amelia ferreiroa. LALÍN

VILA DE CRUCES

30 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Ous veciños de San Pedro de Losón, en Vila de Cruces, preocupados polas novas relacionadas con futuros asentamentos de parques eólicos e liñas de evacuación no municipio decidiron constituirse en plataforma.

-Como xurdiu a posta en marcha da mesma?

-Empezamos facendo reunións en San Pedro de Losón para tratar o tema dos eólicos e comezaron a chegar veciños doutras parroquias afectados polos parques; como os de Carbia e Merza. O desexo de todos é loitar para que non se sitúen aquí ditas instalaciones, e por iso se creou a Plataforma de Afectados polos Eólicos en Vila de Cruces.

-Unha plataforma que consta de varias áreas.

-Atopámonos con que a información destes proxectos é escasa, e a pouca coa que se conta é moi técnica e é complicado moitas veces entendela axeitadamente de aí que pensamos na necesidade de distribuir o traballo por áreas e así o estamos facendo. Hai compañeiros que se ocupan da área de proxectos, outros das alegacións, divulgación, comunicación...

-Adicaron as últimas semanas a percorrer as parroquias do municipio?

-É importante informar aos veciños e iso foi o que fixemos cos datos que temos ao alcance. Aproveito para comentar que aínda nos quedan algúns encontros con veciños para os próximos días. O sábado, 1 de maio ás 18 horas, estaremos en Cumeiro para falar do parque eólico de Mesada e o domingo día 2, ás 20 horas, faremos o propio en Merza para dar información sobre o parque Cunca que afecta ás parroquias de Carbia, Sabrexo e Merza.

-O municipio non só se vería afectado por aeroxeneradores senón tamén polas liñas de evacuación dos parques lalinenses Val do Folgoso e Monte dos Porcallos.

-En Vila de Cruces son catro os parques eólicos proxectados máis as liñas de evacuación polo que hai medo, confusión, sensación de engano e pouca información en ambas cuestións. Incluso nalgúns casos as novas que se nos achegan son contradictorias. Non está sendo fácil.

-Teñen previsto contar co asesoramento dalgún técnico?

-Niso estamos. A xente da plataforma está mantendo contacto con técnicos e avogados para que nos boten unha man. Destacar tamén que estamos a recibir a axuda de integrantes da Plataforma en contra da Mina de Touro. Todas as colaboracións son benvidas.

-O seguinte paso é presentar alegacións.

-Primeiro temos pensado seguir informando aos veciños cos encontros necesarios, con palabras e dun xeito que todo o mundo entenda o que pretenden facer, e logo presentar alegacións aos parques.