Máis dun ano sen gozar das marabillosas augas de Baños dá Brea

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

miguel souto

O único balneario da zona segue pechado e os clientes bótano en falta

22 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A pandemia está a causar estragos na economía pero poucos negocios hai que leven tanto tempo pechados por mor desta situación como é o balneario Baños dá Brea, situado no municipio dezán de Vila de Cruces. A súa directora, Ana Torres, explica que «en decembro do 2019 pechamos como cada ano e en marzo cando estabamos preparando a apertura da nova tempada cancelouse o programa de termalismo do Imserso, chegou o virus e xa non puidemos volver á abrir».

Desde entón, Ana Torres segue atendendo o teléfono para informar aos que chaman. Comenta que «eu sigo no balneario, vexo todo isto baleiro e párteseme a alma». Un día a día difícil no que o peor, conta, é non saber cando chegará o final e as instalacións poidan reabrir ao público. Contan con 44 cuartos e unhas augas sulfuradas, cloruradas sódicas, bicarbonatadas e alcalinas, beneficiosas en procesos reumatológicos, afeccións do aparello respiratorio, da pel e apropiadas para combater o estrés e a fatiga física e psíquica.

Aínda que antes diso había unhas pozas, o balneario inaugurouse en 1991 e desde entón non sempre tivo os mesmos propietarios. Contan cun persoal duns 20 traballadores. A maioría son fixos descontinuos. Cada ano vanse ao paro no parón entre unha tempada e outra e alí pilloulles o inicio da pandemia. O 80 % da clientela procede do programa de termalismo do Imserso e sen el, a empresa non pode reabrir porque non sería capaz de manterse.

A directora resalta que «o groso da nosa clientela son persoas maiores que é precisamente o grupo de máis risco». Explica que «temos un alto porcentaxe de xente que repite e moita leva vindo 20 anos. Cunha relación de tanto tempo, moitos nos chaman de cando en vez para ver como estamos. Temos unha relación xa de familia». Para Ana Torres «o primordial é saír desto» e ten a súa esperanza posta na vacina e en que máis pronto que tarde se poida ir recobrando a normalidade. «A ver si despois do verán», indica. Os clientes botan moito de menos as augas e os tratamentos, máis necesarios que nunca tras meses encerrados en casa.

Para os traballadores é moi duro. Cun peche de tanto tempo, algúns xa acabaron o paro, uns están a buscar traballo, outros empezaron xa nalgún emprego pero a maioría, explica a directora, «chaman para dicir que os avisemos que queren volver». E máis quixesen no balneario que poderlles contestar que se incorporen xa. O persoal é un dos activos importantes de Baños dá Brea. A súa atención, dedicación e profesionalidade acapara a maioría dos comentarios que deixan os clientes nas redes. Algúns levan máis de dúas décadas en persoal. Os propietarios das instalacións sábeno e poder perder co tempo parte dese equipo é algo que lles doe. Á directora gustaríalle poder abrir canto antes aínda que cre que despois de tanto parón necesitarían dúas ou tres meses para desinfectar todo e podelo de novo a andar.

Mentres, ao redor do balneario, situado en plena natureza na parroquia cruceña de Merza, vai espertando a primavera á espera de encherse de novo coas voces dos usuarios.