Interceptan a dous pescadores furtivos de salmóns en Ollares, Cruces, no río Ulla

La Voz

VILA DE CRUCES

Cedida

Foron sorprendidos por axentes de Medio Ambiente da Xunta

08 ene 2021 . Actualizado ás 17:39 h.

Axentes ambientais do distrito XVI Deza-Tabeirós, dependentes da Consellería de Medio Ambiente, sorprenderon a tarde do pasado día 6 a dous pescadores furtivos que se dirixían a unha das mellores zonas de reprodución de salmóns no río Ulla, o lugar de Ollares, en Vila de Cruces. Cando foron interceptados polos axentes, os pescadores levaban, segundo apuntan desde a Xunta, «artes ilegais de pesca, fisgas e trasmallos» xunto con focos de luz porque a esa hora da tarde xa era de noite, e unha escopeta de caza con postas sen, engaden desde Medio Ambiente, a documentación pertinente.

Cando foron sorprendidos, os pescadores saíron fuxindo. Os axentes perseguíronos e finalmente conseguiron interceptalos. Por mor deste operativo os axentes tramitaron a presentación de tres denuncias na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra. Unha é por posesión de artes prohibidas de pesca na zona de servidume do río Ulla contra cada un dos denunciados e outra pola tenencia dunha arma sen a documentación correspondente e con cartuchos de munición ilegal como eran, neste caso, as postas.

A rede e as tres lanzas de pesca comisadas polos axentes eran de diferentes tamaños e tiñan tamén distintos números de dente. Este material foi entregado para a súa custodia ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural de Pontevedra e a escopeta foi entregada no cuartel da Garda Civil de Lalín.

Desde Medio Ambiente destacan o valor e a importancia da operación realizada polos axentes comarcais destacando a zona na que se produciu. Lembran que o salmón Atlántico chega aquí desde moi lonxe, percorrendo miles de quilómetros, para reproducirse no río no que naceu e tras superar esa complicada viaxe de ida e volta, a supervivencia destas poboacións, apuntan, depende do éxito da súa reprodución.

Aínda que non é a primeira vez que axentes de Medio Ambiente detectan prácticas deste tipo nas augas salmoneras galegas, os operativos contra o furtivismo como este levado a cabo o pasado día 6 non son doados e son moi pouco habituais dadas as dificultades de conseguir sorprender in situ, como neste caso, aos presuntos infractores.