Loren, a querida profe de Ciencias Naturais en Cruces

j. b. LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

21 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Nos últimos tempos a enfermidade levouna ata Madrid, onde falecía Lorenza Barrios Encinas este sábado aos 69 anos de idade. Loren, como a coñecía todo o mundo en Vila de Cruces, levaba case unha década xubilada tras unha dilatada traxectoria docente. Diversas xeracións de escolares acudiron ás súas clases, cando impartía clases de EGB no colexio de capital cruceña, aínda que ela e a súa familia están vinculados á parroquia de Merza.

Esta muller afable pasaría despois a integrarse no corpo docente do instituto Marco do Camballón de Vila de Cruces, que abría as súas portas a finais dos anos 90. Antes da súa xubilación aos sesenta anos impartía clases de Ciencias Naturais. Era unha muller moi coñecida entre os cruceños, tanto pola súa vinculación ao mundo do ensino como polo seu matrimonio con Juan Ignacio Santaló, que exerceu como xuíz de paz e foi responsable da agrupación local de Protección Civil.

Onte oficiábase o funeral no seu recordo na igrexa parroquial de Santa María de Merza. En Vila de Cruces eran moitas as voces que mostraban a súa pesar pola morte de Loren.