O condutor que atropelou a unha veciña de Cruces que faleceu quedou en liberdade

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

Ramón Leiro

Houbo conformidade entre as partes e fixouse unha pena de dous anos de prisión suspendida por tres de liberdade condicional

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

As partes aceptaron o acordo proposto no xuízo celebrado na mañá de onte no Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra e no que se xulgaba por un presunto delito de homicidio por imprudencia grave ao condutor dun turismo que atropelou a unha veciña de Vila de Cruces, que faleceu no acto.

O condutor declarouse culpable e aceptou unha pena de dous anos de cárcere. Non ingresará en prisión xa que quedou suspendida por tres anos de liberdade condicional. Ingresaría no cárcere no caso de que durante ese tempo cometese algún delito.

Ademais, e desde onte, non poderá conducir vehículos a motor por un período de tres anos e seis meses. O acordo incluíu o pagamento das indemnizacións correspondentes ás dúas fillas da falecida, e despois de que hoxe, o pai de ambas, que levaba separado máis de dez anos da súa muller cando tivo lugar o accidente, renunciase a unha posible compensación.

O suceso tivo lugar o 7 de febreiro do 2017, no quilómetro 16 da PO-206, na saída de Vila de Cruces en dirección Lalín, nunha zona próxima ao campo de fútbol do Camballón. Produciuse a iso das 20.30 horas. A esa hora era de noite e a muller paseaba ao seu can.

As partes aceptaron o acordo presentado pola defensa do condutor, que exerceu o letrado Luis Yebra Pimentel e que foi negociado en sala. Unha pequena negociación e unha conformidade que fixo que o asunto non se demorase máis de quince minutos, ao non celebrarse unha vista en sentido amplo. A compaña aseguradora do vehículo consignara xa hai tempo por orde do Xulgado as cantidades que se reclamaban en concepto de responsabilidade civil e que ascendían a 196.000 euros, parte das cales o xulgado lle terá que devolver agora.

A aseguradora xa fixera efectivas cantidades a conta a cada unha das dúas fillas da muller falecida. Agora terá que abonar é ao redor de 18.000 euros á filla coa que convivía e uns 10.000 euros á outra.