A Asociación Cabaleiros de Silleda celebra o 6 de setembro a que será a súa quinta Ruta Cabalar. A iniciativa foi presentada onte pola presidenta do colectivo e edila, Estefanía Taín, xunto co vicepresidente da agrupación, David Ferradás; a alcaldesa, Paula Fernández e a concelleira Mónica González.
Nesta nova edición a cita contará con algunhas novidades. Entre elas un cambio de localización e un novo percorrido polos montes da zona. A saída terá lugar ás 16.00 horas desde o recinto feiral da Semana Verde. O percorrido será de 20 quilómetros atravesando paraxes das parroquias de Ponte, Saídres, Carboeiro e Negreiros. Haberá unha parada para tomar uns petiscos e ao regreso, unha cea no recinto feiral aberta ao público en xeral. O menú incluirá lagostinos á prancha, jarrete, sobremesa e café. A celebración finalizará coa actuación musical de Raquel Pallares, así como música de ambiente a cargo dun DJ. Haberá servizo de barra. As inscricións están abertas ata o 2 de setembro. O prezo de ruta e cea é de 35 euros para adultos e 15 para nenos de 6 a 12 anos.