O verán dispara o número de visitas nas residencias da zona

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

E CUIÑA

Algunhas habilitaron espazos extra para poder incrementar a entrada de familiares

03 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa pasou en xullo, pero está a crecer aínda máis en agosto. Coas vacacións incrementáronse de forma exponencial as visitas aos maiores das residencias da zona. Agosto é o mes de descanso por antonomasia, e por iso é polo que as cifras continúen crecendo. Na residencia das Dores de Lalín, a súa directora, Lorena García, explica que «hai persoas que están no estranxeiro, veñen este mes de vacacións e queren vir todos os días a ver ao seu familiar, para aproveitar o tempo que estean aquí». No centro intentan dar resposta ás familias e para abarcar a demanda habilitaron espazos como o xardín ampliando a dotación de mobiliario e a zona de aparcadoiro da entrada, que conta cunha ampla chaira, para poder ter os encontros ao aire libre.

No resto das residencias da zona pasa algo similar. Na residencia de Silleda, o seu director, Paula Guzmán, apunta que «estamos desbordados». Resalta que «hai que ter en conta que hai residentes que ten fillos fora e que coa pandemia levaban moito tempo sen poder vir». Como exemplo pon o dunha persoa que reside en Suíza «e que levaba dous anos sen poder vir á residencia a ver a súa nai».

De Francia, de Suíza, de Venezuela ou de Portugal chegan tamén outros visitantes, xunto cos que se desprazan desde outros puntos de España. Se o verán é xa sempre un tempo de visitas, este moito máis, despois das estritas restricións do covid que deixaron a moitos fillos sen poder ver aos seus pais moito tempo.

A directora da residencia de Vila de Cruces, Rocío Carbón, cifra en 50 ou 60 o número de visitas que teñen á semana de persoas chegadas de toda España. «Hoxe chamaron de Portugal para vir ver a un familiar». Nestes momentos o acceso á residencia permítese sempre con cita previa e se antes cada maior só podía ter a unha persoa de referencia que o visitase, agora pode ir calquera e a única restrición é que non vaian máis de dúas persoas á vez. Na residencia cruceña todos os maiores son galegos pero fillos e demais familia están repartidos polo mundo e, en xeral, é no verán cando regresan e poden ir de visita.

Hai xa tempo que o contacto físico está permitido e regresaron os abrazos ás residencias. Na residencia de Silleda apuntan que a media é de oito a dez visitas diarias.

Crecen tamén as saídas. Ás que realizan os residentes pola súa conta súmanse as dos familiares que acoden ao centro e lévano. Nalgúns centros poden saír todo o día, pero se dormen fóra, terán que estar un mínimo de cinco días fose do centro e realizar á volta un test de antígenos. Nalgunha outra o límite de saída é de cinco horas fóra da residencia.

Son moito máis numerosas as saídas dunhas horas que as estancias fóra, tamén porque en moitos casos, o maior pola súa situación necesita unha atención que é difícil prestarlle en casa. Hai quen se vai pasar o día á aldea para estar coa familia e regresa para durmir.

Non todas as residencias contan con servizo de respiro familiar, pero si existe a posibilidade de ingresos voluntarios temporais, normalmente de 15 días ou un mes e de aí para arriba. Nas residencias da zona levan recibindo chamadas e peticións deste tipo desde o mes de maio ou xuño, que se intensificaron moito máis xa en xullo e agora, no arranque do mes de agosto.

Na residencia Domusvi de Lalín, a súa directora Lorena López, explica que nos chama moita xente, solicitando fins de semana, días soltos, ou quincenas».

Moitas desas chamadas procedente de cidades como Vigo e A Coruña. Conseguir praza na maioría das residencias da zona non é doado, e nalgunhas é imposible. Na residencia de Vila de Cruces non teñen servizo de respiro familiar pero se a posibilidade de estancias temporais pero o centro está completo. O mesmo pasa na residencia das Dores que hai demanda para respiros e tamén de prazas a longo prazo pero o centro non só non ten vacantes senón tamén unha longa lista de espera.

Na residencia de Silleda desde maio só tiveron sitio para tres respiros. Hai opción de estancias quincenas e mensuais pero non hai prazas. Unha situación similar vívese noutros centros da zona que comentan que reciben moitas peticións, algunhas con situacións urxentes.

Os centros de día facilitan unha atención diúrna, dunhas horas. Na residencia de Silleda é de 8.00 a 20.00 horas. Un tempo que as familias tamén aproveitan para poder realizar algunha pequena saída. Na residencia Domusvi algún caso son usuarios do centro de día que quedan na residencia unha fin de semana.

As familias, apuntan, nalgúns dos centros da zona, demandan en moitos casos fins de semana longas, sumando a sábado e domingo algún día máis como o luns e o martes para ter a posibilidade de realizar unha escapada.

O regreso das familias fai tamén que moitos aproveiten as vacacións para solicitar nas residencias información e ver as instalacións coa intención de estudar o ingreso dun familiar, nalgún caso que reside só e que consideran que necesita xa unha atención profesional.