Equina reúne en Silleda preto dun centenar exemplares que compiten desde onte

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Picasa

Arrincou coas primeiras seccións de pura raza española

31 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Onte abriu as súas portas no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, unha nova edición de Equina. O evento foi inaugurado por Antonio Crespo, xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, que estivo acompañado polos presidentes de Accega e Ancce, Manuel Benavides e Juan José Morales , respectivamente; o director do Libro Xenealóxico do Pre, Pedro J, Azor, e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.

A xornada de onte, a primeira de tres, centrouse na celebración das primeiras seccións do VII Campionato de España de Galicia de Pura Raza Española, que constitúe o eixo central de Equina. Neste certame valórase tanto a morfoloxía dos cabalos presentados como os seus movemento. Onte pola mañá tocoulle a quenda ás seccións de poldras de dúas a tres anos e de eguas de catro anos.

Pola tarde sería a quenda das seccións de poldros de dous a tres anos e dos sementais de catro, cinco, seis, sete ou máis anos. O campionato continuará ao longo da xornada de hoxe e da do domingo. O concurso conta con dúas estrelas despois de que o ano pasado subise de categoría grazas á súa evolución e ao esforzo da organización. Concorren preto de 40 ganderías de dez comunidades autónomas: de Galicia, Asturias, Cantabria, Estremadura, Castela e León, Madrid, Valencia, Andalucía, Cataluña e Baleares. A estas súmase unha procedente de México. En total participan preto dun centenar de cabalos de pura raza española.

Hoxe celebraranse ademais tres competicións de doma clásica que conta con 63 binomios participantes chegados desde diferentes puntos de España, o que supón unha marca de participación e fará necesario habilitar dúas pistas.