Silleda achegará aos nenos o seu patrimonio e paisaxe con xogos

j. b. LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

cedida

«A Vila do Mañá» incluirá talleres durante seis xornadas

08 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Silleda quere achegar mediante dinámicas de xogo para a infancia a identidade das vilas e cidades, nunha iniciativa divulgativa e educativa que persegue concienciar sobre a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe cotiá. O programa, bautizado como A Vila do Mañá, desenvolverase durante unha semana e está dirixido a nenos de entre 5 e 14 anos. Terá lugar do 28 de xuño ao 3 de xullo.

Este tipo de proxecto divulgativo, que aposta polo lúdico e o educativo a partes iguais, desenvolveuse en anos anteriores noutras localidades galegas e chegou tamén a cidades como San Paulo en Brasi. As actividades levarán a cabo polas rúas de Silleda, en horario de mañá e tarde, coordinadas por monitores. Terán carácter gratuíto para os inscritos do municipio, con 40 prazas ofertas. Desde a próxima semana os interesados poderán anotarse na casa consistorial. O programa desenvolverase de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, excepto a última xornada de sábado que só será en horario matinal.

A Vila do Mañá está organizada de forma conxunta polas concellarías de Cultura, de Educación e de Urbanismo. Como transfondo figura achegar aos máis pequenos como se pode recuperar a identidade das localidades e que sexan lugar de encontro e intercambio. O proxecto educativo foi deseñado polo estudo POSTarqueitectos. Búscase que nenos e adolescentes estean presentes de forma activa no proceso de construción de espazos comúns, dotándolles de ferramentas para desenvolver a súa creatividade desde a arte e a arquitectura.

A promotora da iniciativa, Sandra González, destacou onte durante a súa presentación, acompañada polas concelleiras de Educación, Ángela Troitiño, e de Urbanismo, Pili Peón, que «o fin é provocar neles e espertar unha nova mirada sobre os espazos nos que desenvolven a súa vida». Silleda converterase durante eses seis días nun gran taboleiro de xogo e laboratorio de experimentación, transformándose as rúas en algo novo a descubrir se se miran e percorren con outros ollos. Está elaborado con elementos característicos do municipio trasdezano, a modo de xogo da oca.

A arquitecta Sandra González incidiu ademais en que «é importante que dende pequenos coñezamos o valor do noso territorio para ser conscientes e saber coidalo o día de mañá». Os talleres estruturaranse a través dos conceptos de percepción, espazo, paisaxe, escala, sustentabilidad e vila, xunto con ferramentas como o punto, a liña, o plano e o tridimensional.

En definitiva búscase concibir a localidade como espazo de xogo recuperando ideas propostas polo holandés Aldo Van Eyck e premias de Francesco Tonucci, creador do programa A cidade dos nenos, dando protagonismo a este colectivo de idade para impulsar a recuperación do territorio para a cidadanía. O programa desenvolveuse xa con éxito nos últimos anos en distintos puntos de Galicia, desde Vilagarcía a Carballo, Arzúa ou Ames, ademais de Arteixo, Rianxo, Malpica, Cambados ou Santiago, entre outros.