A futura promoción de policía locais estreou en Silleda os procesos selectivos deste ano

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

En total estaban convocados no recinto feiral de Semana Verde 935 aspirantes a cubrir 94 prazas en 35 municipios

27 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O primeiro proceso selectivo do ano promovido pola Xunta arrincou onte no recinto feiral de Semana Verde en Silleda cos aspirantes da nova promoción de policías locais de Galicia. Estaban convocadas 935 persoas que deberon cumprir un protocolo específico avalado polas autoridades sanitarias para participar nos exames. Entre outras medidas fixábanse tres metros de separación en sentido lonxitudinal e cinco no transversal entre os alumnos, ademais de portar máscaras e o uso de xel hidroalcohólico.

Os aspirantes que comezaron onte os exames optan a 94 prazas nos corpos de Policía Local de 35 concellos galegos, entre eles un das comarcas, A Estrada. O resto son A Pobra do Caramiñal, A Illa de Arousa, Arzúa, As Neves, Barbadás, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Carballiño, Carballo, Carral, Cedeira, Fene, Fisterra, Foz, Lugo, Melide, Miño, Narón, Noia, O Barco de Valdeorras, O Grove, Oleiros, Ortigueira, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Soutomaior, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa. As probas desta oposición concluirán en maio, momento en que comezará a décimo terceira promoción de Policía Local na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) da Estrada, que será a máis numerosa ata o momento e que se desenvolverá de forma presencial nestas instalacións.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu onte a Silleda a seguir esta proba. Asegurou que «reanudar as oposicións é unha boa noticia para todos os que queren acceder a un empregro estable e por ende tamén para os concellos xa que así poderán contar con máis axentes xa este mesmo verán», lembrando que «os que aproben xa farán as prácticas nos seus respectivos concellos». A colaboración entre a Xunta e os concellos galegos comezou xa no 2017 coa firma dun protocolo coa Fegamp para realizar estas probas selectivas da Policía Local de Galicia.

Desde o Executivo autonómico destacaron que se busca con este tipo de acordos garantir o mantemento da calidade nas prestación de servizos públicos á cidadanía. Para eles favorécense os procesos selectivos dos aspirantes e asegurar a cobertura das prazas de policías locais dunha forma cada vez máis especializada. Polo momento xa foron 89 concellos dos 129 que teñen Policía Local en Galicia os que delegaron na Xunta o proceso de selección dos axentes de nova incorporación.