Silleda reabre parques mañá e A Bandeira recupera a súa feira o domingo

Rocío García Martínez
rocío garcía LALÍN, A Estrada / LA VOZ

SILLEDA

Trasdeza ten 25 casos activos de covid-19, Lalín 21 e A Estrada 17

25 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Silleda levantará a partir de mañá algunhas das restricións que seguían vixentes desde finais de xaneiro. Coincidindo coa desescalada anunciada polo goberno autonómico, este venres se desprecintarán os parques infantís de Trasdeza, que se continuarán desinfectando de forma periódica, como vén facendo desde o inicio da pandemia.

Na xornada do sábado abriranse ademais as instalacións do punto limpo, que funcionará os mércores e os sábados en horario de 9.00 a 14.00 horas. Durante todo este tempo se mantivo activo o servizo gratuíto de recollida de aveños a domicilio.

Por outra banda, o Concello de Silleda tamén levantará a suspensión das feiras da Bandeira, que regresarán este domingo, día 28, permitíndose a instalación de todo tipo de postos, gardando as distancias de seguridade pertinentes.

Silleda tiña este mércores 25 casos activos de covid-19, dúas máis que o día anterior. Aínda que tras a preocupación vivida nas últimas semanas os datos colocan ao municipio nunha boa situación, o alcalde silledense, Manuel Cuiña, declarou onte que «seguimos a facer un chamamento á prudencia e á responsabilidade para non volver atrás».

Por municipios

No resto da comarca dezana, a situación tamén segue controlada. En Lalín contabilizábanse este mércores 21 activos -un máis que o martes- e Vila de Cruces mantíñase en 5, con dúas persoas ingresadas. Namentres, Agolada baixaba en dúas persoas a cifra de activos, quedándose con 6, catro deles ingresados. O mellor panorama téñeno agora mesmo Rodeiro e Dozón, ambos sen ningún caso activo, segundo os últimos datos achegados. En Dozón, ademais, levan máis de tres semanas sen ningún positivo.

En canto a Tabeirós-Terra de Montes, na Estrada hai 17 activos -os mesmos que o martes-, con sete persoas ingresadas, tres delas en coidados intensivos. En Forcarei o Sergas contabiliza entre 1 e 9 casos novos nos últimos 14 días. A maior incidencia acumulada tena o municipio de Cerdedo-Cotobade, onde este mércores había 21 casos activos.

Lalín retomou este mércores a vacinación dos veciños maiores de 80 anos, tras a iniciativa piloto na que a capital dezana participara o venres. O venres recibiran a primeira dose da vacina 83 maiores dezáns, o 99,9 % dos convocados. Este mércores foron vacinadas en Lalín outras 99 persoas. A vacinación continuará hoxe xoves. No centro de saúde habilitouse unha zona específica para levar a cabo as vacinacións e outra de espera para que os pacientes permanezan un intre tras a vacina, por se existise algún tipo de reacción.

Na Estrada, mañá venres reabrirán os Minicines Central tras o parón imposto tras o Nadal. A volta á actividade farase con funcións catro días por semana: os xoves, venres, sábados e domingos. É che fin de semana estarán en carteleira O pai, O meu amigo Pony e Manual da boa esposa. Debido ás restricións de capacidade impostas pola pandemia recoméndase reservar as entradas con antelación, chamando ou enviando un WhatsApp ao 616 165 713. O custo da entrada é de 5 euros -4 euros os xoves, por ser o día do espectador-.