Cuíña: «Ao non ter un foco localizado é moi díficil facer cribado a 9.000 persoas»

a. F. / R. R. LALÍN, A Estrada / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

Sanidade leva 15 días estudando unha posible actuación en Silleda

27 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A alta incidencia de positividad de coronavirus no municipio de Silleda preocupa ás autoridades locais, especialmente ao alcalde Manuel Cuíña que segue a súa evolución á espera «de que os casos vaian minguando despois das medidas restritivas que xa tomamos dende o goberno local a pasada semana», apuntou onte. Unha situación pandémica no municipio, que polo volume de afectados, suscitou unha petición expresa do rexedor a Sanidade para que levase a cabo un cribado entre a poboación. Solicitude que foi atendida e na que Sanidade leva quince días traballando, recoñeceu o rexedor, pero cuxa posta en práctica se demora «polo feito de que non contamos cun foco localizado e así é moi difícil prantexar un cribado a 9.000 persoas nos dous centros de saúde que temos. É máis non sei se incluso podería ser factible».

Os datos reportados polas autoridades sanitarias ao rexedor silledense dan conta de que non existe unha prevalencia tipo de afectados o termo municipal. «É certo que temos familias con incidencias moi altas pero que nada teñen que ver por exemplo no ámbito laboral, e nos dezasete novos casos que se deron na fin de semana hai idades dispares, mozos, mulleres, homes, nenos... Xente que vive en Silleda, Bandeira, que son das parroquias... Non atopamos interacción de uns cos outros. É unha situación moi complicada e aínda que se queira non hai moito por onde tirar», sentenciou Manuel Cuíña.

Ante ese panorama no que o virus circula libremente, e estanse rexistrando altos picos de incidencia no municipio, o alcalde de Silleda volve apelar á precaución «e a que os veciños manteñan todas as medidas de seguridade e de restricións marcadas para intentar entre todos frear esta situación».

En Silleda, nas últimas 24 horas detectáronse nove positivos máis, aínda que se deron tamén xa altas polo que a cifra de positivos, apuntan desde o Concello, baixou un pouco.

Desde o Concello insisten en apelar á responsabilidade dos veciños para intentar frear o continuo ascenso de casos.

Os socialistas reclaman axudas para o comercio lalinense

O PSOE reclama ao Concello axudas directas para o comercio. Ao pleno ordinario do venres levan unha emenda solicitando que se incremente a contía das axudas propostas e que se abra unha liña de subvencións directas. Piden que estas se destinen ao comercio, as barberías, os ximnasios e outras actividades afectadas polas novas restricións. A concelleira Alba Forno sinala que «hai 250.000 euros programados en axudas directas para a hostalaría e 250.000 euros para o comercio, pero neste caso, non para axudas senón para actividades dinamizadoras». Alerta de que «aínda que se queira realizar unha modificación da partida orzamentaria para destinar fondos a axudas, esta tramitación vai levar moito tempo nun momento crítico no que hai que actuar o máis rápido posible» e que a campaña de sorteos «está tendo uns efectos mínimos e non está servindo para reactivar o consumo».