Gran parte da hostalería de Silleda pecha ante as duras restricións

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

O Concello acadou os 83 positivos activos, con dúas persoas na uci

22 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Silleda estreou onte restricións máis estritas e o efecto xa se viu nas rúas con persianas baixadas e locais que optaron por pechar a porta ante as duras medidas que limitan a atención da clientela tan só ás terrazas ou á comida e bebida para levar. No local hostaleiro O Camiño explicaban que «pecharemos ou sábado» despois de tomar a decisión de aguantar esta semana abertos para poder atender aos traballadores dunha obra que estaban a acudir a comer na terraza. Moitos dos restaurantes pecharon xa as súas portas do mesmo xeito que moitos bares porque non lles compensa abrir coas duras condicións impostas.

Desde o inicio do crecemento de casos en Silleda e, antes de que se fixese efectivo o peche perimetral, a actividade comercial e de restauración xa se viu bastante afectada. Os hostaleiros sinalan que os veciños se deixaban ver cada vez menos pola rúa e se pola mañá aínda hai certa actividade pola tarde as rúas quedan desertas. Natalia González, do Café Ina, do mesmo xeito que outros compañeiros de profesión, sinalaba que a situación leva «con resignación». No seu caso, o establecemento ten tamén venda de pan e «unha cousa tira por outra» e segue tendo a clientela habitual servindo tamén moitos cafés para levar. Esta actividade permítelle seguir traballando e cre que iso a converte «nunha privilexiada».

Non vería mal que o toque de queda adiantásese ás 20.00 horas como pedía e quería facer a Xunta porque entende que «o pobo está xa deserto ás sete e pico do serán co cal xa daría igual». A medida que crece o número de casos, aumenta tamén o medo entre os veciños e a actividade diminúe polas tardes. Iso fai que tamén na zona algún establecemento comercial, como ocorre con outros en Lalín, modifique os seus horarios de atención ao público e haxa quen alongue o da mañá para pechar á primeira hora da tarde.

En Silleda a escalada de casos positivos continúa á alza e preocupa cada vez máis á espera de poder acadar o pico desta nova onda. De momento non é así e o número de casos segue subindo. Onte sumábanse sete positivos máis que contabilizáronse nas últimas 24 horas e que deixaban a lista en 83 casos activos. Destes o máis preocupante é a situación de dúas persoas que se atopan ingresadas na uci. Desde o Concello de Silleda insisten aos veciños no cumprimento de todas as medidas e protocolos apelando, unha vez máis, á responsabilidade individual para intentar frear o avance do virus e poder empezar a dobregar a curva de contagios que segue sendo moi alta.