O cesteiro de Escuadro cumpre 101

Olimpio Pelayo Arca Camba
ou. p. arca LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

cedida

Antonio Vigide celebrou o domingo coa familia a data, pero sen deixar a súa afección dos últimos anos por facer cestos

29 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Antonio Vigide celebrou o pasado domingo os 101 anos. Estivo con el a súa familia en Escuadro (Silleda), aínda que sen aglomeracións por mor da pandemia que non nos deixa. Nada que ver con centenario do ano pasado, cando ata viñera de Arxentina a visitalo un irmán alá emigrado e cerca xa dos 90 anos. Nesta ocasión eran menos dos 60 convidados de entón, pero o cariño era o mesmo.

Antonio amosa vitalidade máis alá do século. Na súa vida laboral fixo un pouco de todo. Foi canteiro, foi carpinteiro e traballou na agricultura na casa que fundou con María Josefa Pereiras para sacar adiante aos seus cinco fillos. Pero dende hai un tempo, este centenario é o cesteiro de Escuadro. Non para na actividade, e non distingue festivos de laborais, e cando lle din que pare por ser domingo, co cesto na man responde: «Hai que traballar».

Porque o que máis o amola é estar parado, aínda que sexa para ir a unha consulta médica: «Sempre está facendo algo», comenta o seu bisneto Avelino. Nada que non poida esquecer comendo un boliño de chocolate, outra das afeccións que adquiriu xa de ben maior. Unhas debilidades gastronómicas que a familia lle consinte, porque con 101 anos Antonio come de todo.

É a gasolina para esa actividade incesante. Conta a familia que ata hai ben pouco era el mesmo quen ía ao monte buscar os paus e o material para a súa artesana produción. Xa non o fai, pero con todos os elementos na mesa de traballo non dubida en ensinar aos seus aprendices os secretos de como facer un bo cesto. Son secretos que comparte con todos. Non así o que viviu na Guerra Civil, na que esivo no final: «Sempre nos contaba contos e historias, pero deso nunca nos falou», sinala Avelino.