A Central viviu unha nova marca anual no prezo medio do vacún maior

j. b. LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

08 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Central Agropecuaria de Galicia viviu por segunda semana consecutiva unha nova marca anual no prezo medio do vacún maior. Se o día 30 de xuño a marca rexistrada era de 955 euros, onte acadáronse os 976 de media e, como ocorreu na sesión precedente, debeuse á calidade dos exemplares presentados como na mellora dos prezos que se abonaron por eles. O volume global de negocio acadou os 341.168 euros, cunha afluencia de 820 reses, das que 738 atoparon comprador.

Desde a Central facilítase desde onte os prezos medios a poxa de vacún maior co distinto de calidade Vaca e Boi de Galicia, así como dos becerros carniceiros co distintivo Tenreira Galega Supremo, aínda que en ambos os casos figuran nas citadas categorías. Desde a organización resaltábase que a decisión se adoptou ante o crecente interese por estes animais con selo de calidade.

Por seccións, onte entraron ao recinto feiral de Silleda 529 tenreiros de recría, dos que 477 atoparon comprador. O prezo medio abonado foi de 204 euros, para unhas transaccións conxuntas por importe de 97.640 euros. Mentres, foron 176 dos 197 exemplares de vacún maior os vendidos, a unha media de 976 euros e para un total de 171.943. Un deles contaba co distintivo Vaca e Boi de Galicia, abonándose a 864 euros.

Tenreiros carniceiros poxáronse 820, vendéndose 738, cun prezo medio de 842 euros. Supuxeron un montante económico global de 341.168 euros. Entre os que atoparon comprador houbo 14 reses co selo Terceira Galega Suprema e un prezo medio de 915 euros.

Respecto das mesas semanais de prezos, todas as categorías de porcino cebado repetiron cotización, mentres que os lechones dunha ou varias procedencias se depreciaron 4 euros.