Silleda prorroga todo o verán e reordena a peonalización de rúas

j. b. LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

03 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A peonalización de varias rúas céntricas do centro urbano de Silleda continuará durante todas as fins de semana do verán. Esa medida habíase empezado a aplicar en maio co fin do confinamento e o inicio da desescalada. O Concello si que reordenará eses cortes de viarios, que se aplicarán á rúa Progreso e todos os tramos adxacentes.

Desde esta fin de semana atrásase o comezo do corte, que agora será desde as 15.00 horas do sábado, para concluír ás 21.00 do domingo. O PP pedira precisamente que comezase máis tarde o peche en sábado, antes era ás 9.00 horas, para non prexudicar ao comercio local. Quedará restrinxido o tráfico a rúa Progreso entre Condes do Deza ata o cruzamento con Trasdeza, así como as adxacentes Cartaxena, Castrelo e Antón Alonso Ríos, ademais dun tramo de Emilio Alonso Paz, ata o aparcadoiro do supermercado Froiz, e de República Arxentina, ata o cruzamento con Morón.

Estará permitido só o acceso a residentes, que tamén poderán estacionar, xunto a taxis e vehículos de carga e descarga. Nos sinais de velocidade fíxase un máximo de 20 quilómetros por hora ao ser zona de prioridade peonil. A circulación desviarase por Pintor Colmeiro, Venezuela, Outeiro, Condes do Deza e Morón.

Este corte tamén se programou para o día 10, venres, ao ser xornada de festivo local. Será pola tarde, co gallo dos concertos incluídos na programación cultural movemos Silleda. O Concello pide aos veciños respectar os sinais e os acceso limitados.