Silleda deixou a cero en marzo as facturas a abonar a provedores

Javier Benito
J. benito LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

Forcarei, Rodeiro e Dozón deben máis do pago ata agora

26 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O abono de facturas pendentes aos provedores por parte dos concellos figuraban entre as premisas anunciadas por moitos deles para inxectar liquidez a empresas que estaban ao pasar mal pola paralización ou retardación da súa actividade a causa do estado de alarma decretado por primeira vez a mediados de marzo. Pero tan só Silleda conseguía cumprir a machada esa máxima, segundo os datos feitos públicos onte polo Ministerio de Facenda. O municipio trasdezano foi o único que pechou marzo co apartado de importes debidos a cero, tras abonar 1.133.736 euros. Ademas, foi dos poucos en Deza e Tabeirós-Terra de Montes que fixo os seus pagamentos por baixo do máximo establecido, de trinta días de media, ao facelo en 3,13.

O informe de Facenda -que non inclúe nin a Vila de Cruces nin Agolada, talvez porque non facilitaron os seus datos ao ministerio- tamén permite constatar que Cerdedo-Cotobade foi o outro único concello da zona que cumpriu o período medio de pagamento ademais de Silleda, ao facelo en 26,33 días, ou que Forcarei non rubricou dentro de prazo os seus datos de abono a provedores. Ademais, tres dos sete concellos incluídos teñen pendente de abonar máis diñeiro do que xa custearon a peche de marzo. Nesa situación atópase Forcarei, que abonou 95.991 euros pero ten pendentes 195.960, ademais de superar o prazo, ao pagar a 35,09 días de media. Mentres, Rodeiro xa resolveu facturas de provedores por 178.230 euros, quedándolles aínda 206.512, pero disparouse a súa media ata os 44,15 días.

Dozón, a 189 días de media

Especial é o caso do Concello Dozón. Abonou xa 181.321 euros pero a unha media de 189,07 días, é dicir, tardou máis de seis meses en pagar as facturas aos seus provedores e ten pendentes 311.544 euros.

Lalín e A Estrada debían ao peche dese mes 1,1 millóns

Respecto dos dous principais concellos das comarcas, Lalín e A Estrada, ambos tiñan aínda contías importantes sen pagar ao peche de marzo segundo o informe de Facenda. No caso lalinense fixéronse efectivos pagamentos de facturas a provedores por 2.213.953 euros -a maior cantidade dos sete concellos computados- pero restábanlle por custear outros 838.373 euros. O pagamento medio situouse por amais do marcado polo Goberno central, ao facelo en 35,65 días.

Na Estrada tamén superaron esa media ao chegar aos 33,5 días. En canto ás cantidades económicos, en marzo custeara 1.530.478 euros de facturas por bens e servizos dos seus provedores. Restábanlle por sufragar outras que supuñan un total de 273.348 euros. O informe non recolle nin a Cruces nin a Agolada, tampouco a Mancomunidade Terras de Deza.