O servizo de recollida de aveños en Silleda sumou 125 avisos nos seus primeiros sete meses

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Cedida

14 novs 2019 . Actualizado ás 21:51 h.

O servizo de recollida de aveños que polas súas dimensións ou peso non poden ser trasladados polos seus donos ao momento limpo de Silleda xa sumou 125 avisos desde a súa posta en marcha en marzo. Nestes primeiros sete meses a empresa Urbaser xa retirou desde mobles e colchóns a todo tipo de electrodomésticos e equipos electrónicos, principalmente, para o seu depósito despois no punto limpo. En total o material recolleito neste período sumou un peso de 94.680 quilogramos.

A maioría de avisos produciuse en abril, con 32, mentres foron 20 en xullo, cunha media mensual establecida en 15,6 peticións de retirada deste tipo de aveños. O rexedor silledense, Manuel Cuíña, valorou onte como moi positivos este primeiro balance deste servizo, que se prevé continuar promocionando entre os veciños, tras enviar en marzo dípticos informativos a todos os domicilios.

O Concello puxo en marcha un teléfono gratuíto para que os interesados realicen os avisos. Trátase do 900 720 190, que funciona de luns a venres, de 9.30 a 13.30 horas. A recollida deses voluminosos efectúase os mércores, coincidindo coa apertura do punto limpo. Cada semana recóllese todo o material desde o día anterior, tendo que depositar os usuarios eses aveños os martes pola noite nos lugares que se lles indica desde Urbaser.

Desde o goberno local facíase onte un chamamento á colaboración cidadá para que funcione de forma correcta este servizo, recalcando que só se poden depositar residuos voluminosos de carácter doméstico para a súa posterior reciclaxe no punto limpo. Apuntaron como exemplo que non se retirarán pneumáticos, residuos de construción ou de carácter perigoso. O condutor dun furgón e un peón participan nas tarefas de retirada, segundo recolle o acordo rubricado entre Concello e Urbaser.

Este servizo xa funcionou hai tempo, con menor periodicidade, contando cunha elevada demanda veciñal, polo que se decidiu retomalo e co obxectivo engadido de mellorar a xestión dos residuos e evitar vertedoiros incontrolados que, como lamentou Cuíña, «aínda séguense a producir».