Carreira de orientación en Silleda

SILLEDA

Cedida

A proba está dirixida por Toxo Aventura e Natureza parte o día 28 da praza de Juan Salgueiro

18 sep 2019 . Actualizado ás 22:09 h.

Silleda será escenario o próximo día 28 por primeira vez dunha Carreira de Orientación. A proba, dirixida por Toxo Aventura e Natureza, foi presentada onte no Eco Hotel Nós de Silleda, que colabora co evento. Os corredores daranse cita na praza Juan Salgueiro da localidade e ás 16.30 horas está previsto que se dea a saída. Os participantes percorrerán o centro urbano de Silleda, seguindo un percorrido que lles permitirá descubrir algúns recunchos máis descoñecidos e coñecer gran parte do seu patrimonio histórico e natural. O prazo de inscrición está aberto e os interesados poden apuntarse ata o día 26 a través da web Toxo Aventura ou no Concello de Silleda. O custo é de tres euros para adultos e de dous euros para memores de ata 17 anos.

Ricardo Figueroa, de Toxo Aventura, explicou que as inscricións poden realizarse de forma individual ou en grupo. Establécense catro categorías: toxiños para nenos (se son menores de 9 anos deberán ir acompañados dun adulto); toxos (adultos ou nenos con maior dificultade física e técnica; toxeiras, pensada para persoas con altos coñecementos en orientación e chorimas, unha categoría aberta para persoas con discapacidade. A proba contribuirá á concienciación e o respecto polo medio ambiente. Os participantes deberán atopar por orde unha serie de puntos de control e balizas seguindo un mapa e disporán dun cartón electrónico coa que validar o percorrido. A saída será graduada. A presentación contou ademais coas edilas de Deportes, Monica González que animou aos veciños a participar; Ángela Troitiño de Educación; o técnico municipal, José Manuel Espiño e Natalia Castro e Enrique Iglesias de Nós.