Cinco ideas para empresas

Moncho González

SILLEDA

09 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha parte importante de xente da nosa comarca coñece a miña vocación polo sector primario. En outubro do ano 2000 creei a sociedade Desenvolvemento Agrogandeiro e Forestal, pensando que a este tren poderían subirse moitos viaxeiros, pero non foi así. De todos os xeitos, alégrame saber que a empresa Celticahemp, de Silleda, leva varios anos investigando e cultivando cáñamo, tamén se crearon pequenas fábricas de queixos e iogures, iniciativas moi prometedoras para o sector, pero hai que facer moitas máis cousas.

Como exemplo está a prevención de incendios forestais: coas malezas grosas fabricar pellets e coas finas elaborar abono orgánico a granel ou envasado en Big-Bags. Os xurros empregaríanse na mestura. Sería facelo como en décadas pasadas.

Outra podería ser a creación dunha fábrica de produtos lácteos con gandeiros e empresarios: constituír unha empresa importante que competise coas principais do sector, para elaborar queixos, iogures, requesón, leite envasada e outros. E unha terceira, a instalación dunha fábrica de zumes: para elaborar sidra natural, gaseada e champanizada. Tamén zumes e marmeladas de múltiples froitas. Co bagazo da mazá conséguese augardente de gran calidade e o residuo final utilizaríase nas fábricas de pensos.

Outra opción sería a instalación dun gran serradoiro de madeiras autóctonas e de importación: En canto á madeira de piñeiro cabe dicir que a cortiza se utiliza en xardinería e en falsos teitos en forma de paneis de 600 x 600 mm. Os desperdicios do piñeiro aserrado irían a unha astilladora para elaborar pellets e co serrín producido, unha vez moído, sairía a fariña de madeira para usos múltiples. A quinta sería o pastoreo de cabras e ovellas, a gran escala, en montes comunais: cunha orografía moi accidentada, debidamente cercados e vixiados, para producir, carne, queixos e coa la elabóranse produtos dun gran illamento térmico para múltiples fins.

Estas cinco iniciativas foron comentadas, en varias ocasións, a presidentes de cooperativas, agricultores da comarca e outros colectivos, ninguén puxo ningún interese. Todo o que se menciona, foi entre os anos 2000-2006, ano en que deixei a presidencia da Asociación de Empresarios de Deza. Aínda estamos a tempo de subir ao tren. Isto chámase economía circular. ¡Eu creo que vale a pena! Moitas grazas.