«Apostamos por un centro familiar, con prioridade para os silledenses»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

O xeriátrico prevé cubrir todas as prazas, 59 de residentes e 20 de día, antes de 9 meses

23 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A residencia de maiores de Silleda, unha vella petición dos veciños e unha inquedanza do goberno local, é xa unha realidade e abrirá as súas portas nun par de semanas baixo a dirección de Paula Guzmán Pereira, unha cruceña con acreditada experiencia profesional no eido da dirección de xeriátricos na comunidade, que se achega á casa «para poñer en marcha un proxecto moi ilusionante».

-Traballou en Santiago, no Carballiño e agora Silleda. Cando xurdiu a proposta?

-Foi en setembro do ano 2018. A empresa concesionaria Coviastec, que está medrando a nivel residencial, púxose en contacto comigo e barallei seriamente a proposta. Mirei proximidade: vivo en Silleda, teño fillos pequenos e nunca traballei na miña zona. Foron puntos a favor para aceptar, e o certo é que é un reto persoal e profesional poñer en marcha esta residencia. Non me falta motivación, dedicación e máis implicación no proxecto se cabe, ao ser na miña comarca.

-Teñen data pechada para abrir as instalacións?

-A intención é abrir na primeira quincena do próximo mes de abril. De feito, a partir da vindeira semana imos comezar coa selección de persoal para o noso centro.

-Falaron de dar emprego directo a vinte e dúas persoas.

-Será así, pero as contratacións serán paulatinas, segundo as necesidades de servizo. Os profesionais de fisioterapia, médico, enfermeira, traballador social e animadora xa están contratados. Agora falta o persoal de cociña, limpeza e xerontoloxía, que será o que se vaia contratando paulatinamente segundo entren os residentes.

-Como van as reservas de prazas no centro?

-A verdade é que moi ben. Xa temos unha decena reservadas. A residencia de maiores de Silleda conta cun total de 59 prazas e vinte de centro de día, e tamén imos ofrecer servizo de respiro familiar, tan necesario para quen convive e coida maiores e necesita tomar un descanso.

-Como é esta residencia?

-A mellor de todas [risas]. Todo é luz e os espazos interiores son amplos e cómodos, pensados para o benestar dos residentes. Apostamos por un centro familiar, con prioridade para os silledenses, para todos os que estean empadroados no municipio, e o obxectivo é ter as prazas completas nun prazo de entre seis e nove meses. A residencia conta con cinco cuartos individuais, e dobres con terraza ou sen ela, todos cunhas vistas espectaculares; hai tres cuartos de coidados especiais, espazos comúns para os residentes, unha cafetería, sala de convivencia, fisioterapia e os despachos dos distintos profesionais que traballarán no centro.

-Maiores do municipio de Silleda están en residencias espalladas polo país. Intentarán que veñan para este xeriátrico?

-Os primeiros que queremos ter nesta residencia son eles, que volvan ao seu municipio e estean máis preto das súas familias, pero a decisión última é dos residentes. Nós non chegamos a Silleda sendo competencia de ninguén, senón que vimos para prestar servizos, e intentando que sexan da mellor calidade posible, que niso precisamente estamos centrados na actualidade.

-Cantos maiores poden estar na actualidade fóra do municipio noutros centros?

-Non teño o dato, pero creo que bastantes, e tamén penso que é unha oportunidade para moitos deles de achegarse ao municipio.

-Arrancarán a actividade con prazas concertadas?

-Estamos traballando tamén nese apartado e intentaremos concertar algunha.

De Merza a Silleda. Sanitaria de profesión, naceu en Merza (Vila de Cruces) e reside actualmente en Silleda.

Detrás da fonda vocación, unha amiga. Sendo unha adolescente, e despois de cursar enfermería, unha boa amiga, «a mellor que teño», directora dunha residencia en Vigo, «fíxome coñecer isto».

«Nun municipio rural como o noso hai que facilitar as visitas cun amplo horario»

A residencia de maiores de Silleda construíuse mediante a fórmula da concesión demanial, poñendo o Concello de Silleda os terreos por un prazo de 75 anos, revertendo posteriormente na Administración local unha vez transcorrido dito prazo. Por outra banda as obras de humanización do contorno tamén comezarán previsiblemente na primeira quincena do próximo mes, e estarían finalizadas no verán.

-A localización do centro convence a quen se están interesando polas prazas?

-Aos que son de aquí por suposto, e a quen queiran vir creo que estamos nun punto estratéxico, con boas comunicacións... A residencia é espazosa, con moita luz natural, e os prezos son accesibles. De feito unha das cláusulas na licitación da concesión é que os silledenses contarán con prezos especiais. Animamos aos posibles interesados a que se informen, xa que se estudarán todos os casos de maneira individual, sempre en concordancia co departamento de Servizos Sociais do Concello de Silleda.

-Os anciáns deben de apostar sempre por unha residencia?

-Non. Se un ancián é válido e está cognitivamente ben na súa casa aí é onde debería de seguir. Son das que penso que hai que esgotar todas as vías antes de entrar nunha residencia. Esta decisión última compételle obviamente á familia.

-Creo que van facilitar moito as visitas aos residentes.

-Non somos unha institución pechada. As visitas serán de 11 a 19.15 horas, respectando horarios de comedor e descanso, pero estamos nun municipio rural e temos que facilitar as visitas a familiares, amigos ou coñecidos que veñan dalgunha parroquia. Este é un proxecto de pobo, ao que nós lle damos forma dende a vocación e a implicación, xa que non pechamos nunca.