Silleda inicia obras de melloras viarias por 300.000 euros

R. R. LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Cedida

Os traballos afectan á estrada entre Piñeiro e Cira

19 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Silleda iniciou os traballos de reforma integral da estrada que une Piñeiro e Cira. As obras, neste viario intercomarcal, suporán un investimento de 300.000 euros e serán realizadas pola empresa Construcións Rafer S. L. Estas consisten nun acondicionamento completo que inclúe a colocación dunha nova capa de rodaxe. Complementaranse coa sinalización horizontal de todo o tramo co pintado do mesmo e a colocación de bandas laterais nas curvas que contan cun maior desnivel. Unhas actuacións coas que se busca, ademais de renovar o firme, incrementar e reforzar a seguridade viaria.

Dentro do proxecto a estes labores súmase a construción dun muro de contención nun dos tramos de estrada. Esta dotación, apuntan desde o Concello, obrigará a desviar o tráfico durante a execución do mesmo, por mor da complexidade dos traballos. O Concello sinala que comunicará aos veciños o desvío cando se produza.

O alcalde destaca que o goberno local decidiu incluír este viario no programa do Plan Concellos deste ano para poder acometer esta reforma integral. Manuel Cuíña considera que dado o elevado tránsito que soporta esta estrada e aínda que é de titularidade municipal «ten todas as características para ser un viario supramunicipal», algo que, dixo, xa vén reclamando o Concello de Silleda. Cuíña engadiu que seguirán reiterando desde o goberno municipal o cambio de titularidade, do mesmo xeito que fixeron con outros tramos noutros puntos.