O Concello de Silleda pon en marcha un servizo gratuíto de recollida de aveños a domicilio

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

MARCOS MÍGUEZ

28 feb 2019 . Actualizado ás 22:35 h.

O Concello de Silleda pon en marcha, a partir deste mes de marzo, un servizo gratuíto de recollida de aveños a domicilio. Para iso establecerase un día á semana para a recollida destes e o seu traslado ao momento Limpo. De momento está pendente aínda de que se concreten os detalles. Os responsables municipais explican que se porá a disposición dos veciños unha liña de teléfono gratuíta para a través dela poder solicitar a recollida.

Ese servizo levarao a cabo a empresa adxudicataria do servizo de recollida de lixo, Ubaser. Unhas tarefas que levará a cabo o condutor dun furgón e un peón. Por medio deste servizo os veciños poderán desfacerse de mobles, electrodomésticos, colchóns e outros voluminosos que irán parar ao momento Limpo.

Con esta iniciativa o goberno municipal quere dar un paso máis na xestión de residuos e evitar a proliferación de vertedoiros incontrolados, que continúan existindo. O alcalde, Manuel Cuíña, lembra que ao longo deste mandato xa se deron pasos moi destacados citando a regularización do servizo, ou a implantación da recollida selectiva para envases lixeiros en todas as parroquias do rural. O servizo de recollida de aveños, apuntan, era moi demandado polos veciños e ponse en marcha por que a boa saúde económica do Concello permíteo.