Os alcaldes franquistas abrazan a democracia

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

SILLEDA

GUSTAVO RIVAS

35 rexedores da provincia dimitían dos seus cargos en 1979 para presentarse ás primeiras eleccións

26 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O 3 de abril de 1979 todos os españois maiores de 18 anos foron convocados ás urnas para elixir aos primeiros alcaldes democráticos do novo período constitucional. A aqueles comicios municipais presentáronse 35 exalcaldes doutros tantos concellos da provincia de Pontevedra.

Foi o 25 de febreiro dese mesmo ano cando estes rexedores tiveron que dimitir dos seus cargos para poder presentarse a aquelas eleccións. Todos eles procedían, directa ou indirectamente, do réxime franquista. Algúns foran designados polo gobernador civil da provincia antes de 1975 e presentaban un longo percorrido na política municipal, como era o caso de Casimiro Fernández Otero, alcalde de Silleda entre 1957 e 1966, ou Manuel Crespo Vázquez, rexedor en Dozón desde 1950, o máis veterano de todos eles.

Outros saíron da elección das súas propias corporacións, método empregado tras a morte do ditador Francisco Franco en novembro de 1975 para blanquear os concellos á espera das eleccións. En calquera caso, ningún dos 35 alcaldes dimisionarios sabían o que era un sufraxio universal máis aló do que lle ditase a súa propia curiosidade.

Dezaoito daqueles alcaldes presentáronse ante as urnas encabezando a lista da Unión de Centro Democrático (UCD). De todos eles, trece conseguiron revalidar os seus anteriores cargos co respaldo das papeletas dos seus conveciños. Aí estaban Germán Rodiño González (Meaño), Leopoldo González Agís (Sanxenxo), Jesús Durán Martínez (A Estrada), Manuel Lamazares Pardo (Rodeiro), Casimiro Fernández Otero (Silleda), Sergio Iglesias Pazos (Vila de Cruces), José Ramón Abal Varela (Cotobade), José González Ameijeiras (Cuntis), José Piñeiro Ares (Pontecesures), César Mera Rodríguez (A Cañiza), José Costas Díaz (Covelo), Julián Troncoso Montero (Mondariz-Balneario), Modesto Valverde Soto (Nigrán) e Alejo Real Fragueiro (Pazos de Borbén).

Catro dos exalcaldes incorporados a unha lista da UCD de Adolfo Suárez non conseguiron referendar cos votos os seus cargos anterior. Foron os casos de Alfredo Bea Gondar (O Grove), que si o conseguiría nas eleccións de 1983; Ramiro Corujo Viaño (Catoira); Manuel Estévez Castro (Portas); e Manuel Tomiño Parada (Ponte Caldelas).

Outro bloque importante daqueles primeiros edís herdeiros do franquismo probaron sorte nas urnas desde unha lista independente. Foron trece, aínda que só mantiveron a alcaldía, xa con tinguiduras democráticas, dez. Case todos eles tiveron unha longa vida política. Estes alcaldes de longo percorrido foron Jorge Luis Jorge Caramés (Cerdedo), Manuel Brea Porto (Forcarei), Manuel Crespo Vázquez (Dozón), Juan Reboreda Enríquez (Mondariz), José Castro Álvarez (Ponteareas), Olegario Rodríguez Pérez (Mos), José Luis Rodríguez Méndez (O Rosal), José Manuel Fernández Rodríguez (Salceda de Caselas), Benigno Rodríguez Quintas (Baiona) e José Luis de Lis Costas (Gondomar). Un destes alcaldes, José Manuel Fernández Rodríguez, Chicho, accedera á alcaldía de Salceda en 1976 aos 25 anos de idade, sendo nese momento o alcalde máis novo de toda España.

Os independentes que non acadaron os seus obxectivos foron Luis Yebra Pimentel (A Golada), Joaquín Queizán Taboada (Pontevedra) e Constantino Lamoso Couso (Vilaboa).

Curiosamente deuse a circunstancia de catro alcaldes xurdidos do franquismo que se presentaron en diversas listas electoras en abril de 1979, pero sen encabezalas. Así foron os casos de José Luis Nogueira, que ía de número dous na lista de UCD en Vilagarcía de Arousa; Juan Dorgambide Ibarreche, situado no número 3 de UCD en Vilanova de Arousa; Luis González Taboada, no número 4 de Coalición Democrática en Lalín; e Manuel Frade Couñago, que aparecía no número sete de UCD en Fornelos de Montes.

O caso é que non poucos daqueles alcaldes mantiveron a confianza dos seus veciños en sucesivas convocatorias electorais. O cañicense César Mera, que chegou a presidir a Deputación de Pontevedra, gañou todas as eleccións ás que se presentou ata o 2007. O seu veciño na comarca da Paradanta, José Costa, superoulle ao manterse na alcaldía de Covelo ata o 2014, ano no que se retirou da vida pública.

A práctica totalidade destes políticos locais acabaron amparados polas siglas do Partido Popular, aínda que antes da súa definitiva refundación pasaron pola súa herdeira directa, a Alianza Popular de Manuel Fraga, e por algunhas candidaturas independentes.