Cuíña considera inviable e irracional a redución do chan urbanizable rural

r. g. LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

cedida

Alcalde, técnicos e redactor analizaron a denegación do PXOM de Silleda

17 ene 2019 . Actualizado ás 18:38 h.

A sala de xuntas do Concello de Silleda acolleu a reunión anunciada en días pasados para analizar a resolución da Dirección Xeral de Territorio pola que se denega a aprobación definitiva do Plan Xeral.

O alcalde, Manuel Cuíña, reuniuse cos técnicos municipais e co redactor do plan para analizar todas as peticións que se formulan na resolución.

Desde o Concello de Silleda xa se empezou a traballar en cuestións como a inscrición das traídas de augas, mentres se agarda que o informe sectorial de Telecomunicacións volva remitirse en breves datas.

«Ademáis destas cuestións nas que xa se está a traballar, a orde recolle peticións que vemos inviables e que consideramos que non son razoables, como a redución de solo urbanizable no rural», indica o alcalde, Manuel Cuíña.

En canto aos prazos dos informes, Cuíña tamén mostrou o seu total desacordo respecto ao de Patrimonio «que chegou tres anos despois de ser solicitado, cando tiñan tres meses, e cando xa se daba por aceptado que se vía favorable por silencio administrativo», añade facendo referencia tamén ás correccións advertidas por este organismo.

Enredos políticos

«Está claro que nos seguen enredando, pero continuaremos traballando para que o Plan Xeral de Silleda, o gran reto deste municipio, poida ser aprobado no menor prazo de tempo posible», explica o rexedor.

Cuíña avanza que ata que se remate co traballo de inscrición das traídas das augas e mentres non chegue o informe de Telecomunicacións, non se volverá a solicitar unha reunión con responsables autonómicos.

O pau urbanístico para o Concello de Silleda chegara a través dunha resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 26 de decembro, que establecía que o Concello tería que presentar unha serie de emendas ao documento do seu Plan Xeral.

A decisión chegou máis de dous anos despois da aprobación provisional do instrumento de plan por parte do pleno, en sesión celebrada o 18 de marzo do 2016.