O Concello de Silleda solicita un GES á Xunta ou a súa inclusión no convenio da comarca

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

MARCOS MIGUEZ

16 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Silleda acaba de solicitar á Subdirección Xeral de Emerxencias un Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). Ante a inminente renovación do convenio destes equipos para a zona, lembra que antes da posta en marcha do Consorcio de Bombeiros de Deza e Tabeirós-Montes o Concello dispuña de Grumir a través de plans de cooperación con Traballo.

A continuidade do grupo foi denegada para Silleda por situarse no municipio a base dos Bombeiros, e ao crearse no 2013 os GES de Lalín e A Estrada «ou municipio de Silleda quedou sen cobertura ao non integrarse en ningún destes dous, co que houbo casos que quedaron desatendidos ao non ter este apoio», manifestou o alcalde Manuel Cuíña.

Na petición, o rexedor indica que aínda hoxe o municipio carece dun paraugas ao que acudir en casos necesarios de intervención, xa que nin conta cun protocolo de actuación que diga que facer en cada urxencia que poida xurdir. Por iso solicita á Xunta que ou ben lle conceda un GES a Silleda ou se inclúa no convenio da zona que se asinará.

Concentran montes en Abades

Por outra banda, Abades acollerá unha nova reunión polo proceso de concentración privada de montes. Será o sábado ás 17 horas no centro social, con participación do alcalde, persoal técnico da firma Estragal e propietarios integrados na asociación O Cruceiro.