Silleda convocou para o venres un pleno extraordinario para incluír bonificacións a granxas

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

13 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, convocou un pleno extraordinario para este venres, día 16, ás 10.00 horas. A sesión ten como obxectivo, despois dun intento errado, aprobar a modificación da ordenanza reguladora do Imposto de Bens Inmobles. Trátase de incluír un novo artigo no que se establecerá unha bonificación do 50 % deste imposto para as explotacións vinculadas ao sector agrario, gandeiro e forestal nos casos nos que as instalación estea dada de alta na Dirección do Catastro como unidade única sen separación do uso residencial como vivenda do agropecuario, é dicir da granxa.

Cuíña sinala que «vimos que en moitos dos casos non era posible a bonificación ao contar a vivenda e a explotación agrícola coa mesma referencia catastral, e obrigando aos propietarios a realizar unha longa tramitación, por iso agora tomamos a decisión de incluír esta nova modalidade». O rexedor lembra que Silleda foi un dos primeiros concellos en aplicar a bonificación do 96 % do IBI ás explotacións, despois de declarar o sector como estratéxico no 2016.

No pleno someterase a votación ademais a aprobación dun expediente de modificación de crédito destinado a pagar as facturas de anos anteriores relativas a estudos e traballos técnicos. Explícase desde o Concello que «lográronse máis subvencións das agardadas e o Concello tivo que asumir o pago da dirección de obras». A operación ten tamén como obxectivo reforzar partidas que teñen xa esgotado o seu orzamento.